86 empresas turísticas de A Coruña sumáronse ao sistema arbitral de consumo

29/07/2015

O pasado martes, 28 de xullo, a Delegación Territorial da Xunta de Galicia na Coruña acolleu o acto de entrega dos distintivos do Sistema Arbitral de consumo a 86 empresas turísticas da cidade. O acto contou coa presenza da presidenta da Unión de Consumidores de Galicia, Ana Olveira, quen destacou as bondades do sistema arbitral de consumo como ferramenta para facilitar e axilizar a resolución dos conflitos e reclamacións que xorden nas relacións de consumo. Ao acto de entrega de distintivos tamén asistiron a directora de Turismo de Galicia, a xerente do Instituto Galego de Consumo e a delegada territorial da Xunta en A Coruña. 

Este sistema arbitral configúrase no sector turístico coma un sistema extraxudicial de resolución de conflitos entre os consumidores e usuarios e as empresas turísticas que resolve as reclamacións, sen prexuízo da competencia da Administración turística, para incoar o oportuno expediente sancionador se os feitos transcenden do ámbito persoal e teñen relevancia para o sector turístico. Deste xeito, as empresas e os consumidores e usuarios dispoñen no sector turístico dunha vía de canalización e resposta máis rápida, áxil e directa, respecto das súas controversias no ámbito turístico.

Durante o acto, a xerente do Instituto Galego de Consumo, María Jesús Muñoz, resaltou a importante traxectoria da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, dependente do Instituto Galego de Consumo, que vén de estender a súa actividade ao sector turístico en colaboración con Turismo de Galicia. Neste senso, no pasado ano 2014, a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia emitiu 1.223 laudos na provincia da Coruña, que, no 90% dos casos, chegaron a acordos satisfactorios para o consumidor.

Na actualidade, Galicia conta cun total de 1.639 empresas turísticas adheridas ao sistema de arbitraxe, das cales 432 se encontran na provincia da Coruña.

Para saber máis sobre o Sistema Arbitral de Consumo pincha no enlace.

—————————————————————————————————————————————————–

Foto: Primeira imaxe – Moncho Fuentes / AGN

Deixa unha resposta