86 empresas turísticas de Vigo recibiron o distintivo oficial de adhesión ao sistema arbitral de consumo

9/07/2015

O pasado martes, 7 de xullo, un total de 86 empresas turísticas da área de Vigo recibiron os distintivos que acreditan a súa adhesión ao Sistema Arbitral de consumo. O secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, asistiu ao acto celebrado na delegación territorial da Xunta de Galicia da cidade olívica, e que tamén contou coa presenza da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora xeral de Comercio e presidenta do Instituto Galego de Consumo, Sol Vázquez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Mª José Bravo.

Este sistema arbitral configúrase no sector turístico coma un sistema extraxudicial de resolución de conflitos entre os consumidores e usuarios e as empresas turísticas que resolve as reclamacións, sen prexuízo da competencia da Administración turística para incoar o oportuno expediente sancionador se os feitos transcenden do ámbito persoal e teñen relevancia para o sector turístico.

Deste xeito, as empresas e os consumidores e usuarios dispoñen no sector turístico dunha vía de canalización e resposta mais rápida, áxil e directa, respecto das súas controversias no ámbito turístico.

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia destacou que adherirse ao Sistema Arbitral de Consumo supón ofrecer ao cliente unha garantía de calidade engadida aos servizos que presta unha empresa e facelo ademais sen custo ningún. E concluíu transmitindo os seus parabéns aos empresarios e empresarias turísticas distinguidas pola súa aposta polo turismo de calidade.

Pola súa banda, a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, resaltou a importante traxectoria da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, dependente do Instituto Galego de Consumo, unha das máis activas a nivel nacional na resolución extraxudicial de conflitos en materia de consumo, e que acaba de estender a súa actividade ao sector turístico en colaboración con Turismo de Galicia.

O Sistema Arbitral de Consumo 

No ano 2013, o Diario Oficial de Galicia publicaba o Decreto 148/2013, do 12 de setembro, no que se introduciu, como novidade, a Arbitraxe de Consumo como opción para a solución das controversias entre usuarios e empresarios. Aínda que esta fórmula de resolución extraxudicial levaba funcionando en Galicia desde 1996, por primeira vez incorporábase ao sector turístico aportándolle maior calidade ao servizo que as empresas e profesionais prestaban aos seus clientes.

Desde entón, e co obxectivo de dar a coñecer este sistema entre os establecementos e empresas turísticas de Galicia, UCGAL leva a cabo unha campaña informativa e de adhesión ao Sistema Arbitral de Consumo nosa comunidade en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia

O sistema Arbitral de Consumo constitúe unha eficaz ferramenta posta á disposición dos cidadáns para resolver de xeito rápido e efectivo os conflitos e reclamacións que xorden nas relacións de consumo. A día de hoxe, Galicia conta cun total de 830 empresas turísticas adheridas ao sistema de arbitraxe. Durante o ano 2014 a Xunta Arbitral de Consumo de Galicia emitiu preto de 3.600 laudos, chegando nun 92% dos casos a acordos satisfactorios para o consumidor.

Para saber máis sobre o Sistema Arbitral de Consumo pincha no enlace.

Deixa unha resposta