Freamos o acoso telefónico dunha xestora de cobros a unha asociada

27/03/2019
  • As prácticas das xestoras de cobros son altamente intrusivas e agresivas

Teléfono

Durante meses unha asociada da Unión de Consumidores de Galicia recibiu chamadas dunha asesoría xurídica actuando en nome de Orange reclamándolle unha suposta débeda coa operadora en cuestión. A débeda estaba a nome dun home e esta asesoría xurídica (xestora de cobros) insistíalle á nosa asociada en que se trataba do seu marido cando a realidade era que ela nin coñecía a esa persoa nin sabía os motivos polos que o seu número de teléfono figuraba como o de contacto dese señor.

Desde a Unión de Consumidores de Galicia contactouse coa entidade reclamante advertíndolles do erro na identificación, solicitándolles que se levasen a cabo as xestións pertinentes para desvincular dita débeda da liña telefónica da nosa asociada e pedindo o cese inmediato do acoso telefónico.

Trala intermediación desta entidade o servizo ao cliente de Orange procedeu a rectificar a errónea asignación do teléfono. Desde entón a nosa representada non recibiu máis chamadas nin ameazas de accións legais.

O feito de que unha empresa, neste caso o operador Orange, ceda os datos dun usuario ou usuaria a un terceiro, neste caso unha xestora de cobros, é unha práctica habitual. O modus operandi destas xestoras tende a ser agresivo e invasivo con chamadas a calquera hora do día e ameazas sutís ou directas que, en moitas ocasións, non teñen base sobre a que sosterse.

Ante este acoso sistemático unha persoa consumidora pode facer valer os seus dereitos e reclamar chegado o caso. A Unión de Consumidores de Galicia está a disposición das persoas vítimas destas prácticas e recomenda presentar a correspondente reclamación cando se produzan.

Deixa unha resposta