A afouteza das persoas consumidoras galegas

29/12/2017

Afouteza

Xa sabemos que a palabra do ano elixida por votación popular no concurso organizado polo Portal das Palabras é afouteza que, segundo o dicionario da Real Academia Galega, é a “disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades” ou a “seguridade que alguén ten en si mesmo, carácter firme”.

Durante este 2017 que esgota os seus últimos minutos, os consumidores galegos demostraron esa afouteza nas súas relacións de consumo e precisarán máis para afrontar o próximo ano porque as problemáticas neste eido seguirán medrando e complicándose; e será importante aprender a facer valer os nosos dereitos como persoas consumidoras e usuarias.

Durante 2017 o número de casos aumentou tanto que esta entidade tivo que facer un sobreesforzo para dar cobertura ós centos de galegas e galegas que precisaban información e asesoramento. Ás habituais peticións que atendemos desde UCGAL tivemos que sumar feitos excepcionais que, en maior ou menor medida, impactaron na cidadanía e que suscitaron unha ampla demanda de asesoramento especializado. Falamos, por citar algún dos exemplos máis coñecidos, das masivas cancelacións de Ryanair, do caos de pasaxeiros nos barcos das Cíes, dos cortes de subministración eléctrica polos temporais de principios e finais de ano e, por suposto, das cláusulas chan, dos gastos hipotecarios e das plusvalías municipais e tamén da compra por parte do Banco Santander do Banco Popular, un movemento de concentración dentro do sector bancario que seguro repercutirá negativamente nas persoas consumidoras e cuxos efectos non tardarán en facerse notar. E todos estes conflitos coincidiron no tempo cos problemas no eido do consumo que tradicionalmente atenazan ó consumidor galego: os abusos das empresas eléctricas e dos operadores de telefonía, os problemas coas aeroliñas, as reclamacións sanitarias, os seguros …

E namentres decenas de cuestións tamén precisaban seguimento e control; problemas que parecen non estar no día a día -porque xa non se fala deles- pero que seguen presentes e afectan a un significativo número de familias galegas como a situación dos gandeiras e gandeiros polos baixos prezos do leite, a terrible estrutura tarifaria do auga en moitos concellos, a proliferación de agresivas campañas por parte das eléctricas para levar á xente do mercado regulado ó libre, as estacións de servizo desatendidas, a suba de prezos da cesta da compra e dos combustibles e da AP-9.

Todo isto nun contexto no que a falta de claridade nas políticas de fomento das asociacións de consumidores tradicionais e profesionais, no conxunto do estado español, propicia unha crecente incerteza ante o futuro das entidades que defenden os dereitos das persoas consumidoras.

Por outra banda cómpre fixarnos no feito de que concellos e deputacións ou ben non asumen, ou ben non desenvolven as súas competencias en políticas de ámbito local para a formación e defensa dos consumidores. Non debe estrañarnos entón que aparezan raposeiros que, vendo a oportunidade de negocio, montan os seus chiringuitos co fin de atraer ós consumidores que non saben moi ben onde procurar axuda; infames que tiran proveito da necesidade e desesperación doutros a cambio de servizos de dubidosa calidade e elevadas contraprestacións.

Tendo en conta todo isto, sorprende que entre as finalistas a Palabra do Ano non estivesen prezo da luz ou cláusulas chan. O panorama actual non é apracíbel para as persoas consumidoras e consideramos necesario facer pedagoxía do consumo entre os galegos e galegas para que, algún día, a palabra do ano sexa, ou polo menos chegue a finalista, reclamación.

Deixa unha resposta