UCGAL considera que nos albergues turísticos a lenzaría debe ser de tela

24/04/2017
  • O obxectivo é mellorar a calidade e a hixiene destes espazos

bed-142516_640Cando se fala do que queren ou do que é mellor para as persoas consumidoras o lóxico sería contar coa opinión das organizacións que traballan pola defensa dos dereitos e intereses dos consumidores e consumidoras mais, a meirande parte das veces, non se ten en conta a organizacións que como Unión de Consumidores de Galicia levan case tres décadas traballando no eido do consumo e que participan activamente no proceso de elaboración de disposicións normativas que afectan ós consumidores e/ou usuarios. Neste sentido parece aplicarse a máxima “Todo para o consumidor pero sen o consumidor”.

Unha vez máis asistimos á instrumentalización dos consumidores por parte, esta vez, de asociacións que representan ós albergues turísticos de Galicia e que alzan a voz contra o decreto que establece a ordenación destes aloxamentos e máis concretamente contra a obrigación de contar con lenzaría de tela. Aseguran ter datos extraídos dunha enquisa sobre o tipo de lenzaría que prefiren as persoas usuarias dos albergues turísticos. Esta “enquisa rápida” como aparece referida nos medios de comunicación, nin sabemos como foi realizada nin sabemos onde atopala para ver os resultados. Ata esta organización de consumidores non chegou ningunha información ó respecto sobre a mencionada enquisa.

Nas alegacións ó Decreto 48/2016, do 21 de abril, presentadas polo conxunto de organizacións que compoñen o Consello Galego de Consumidores e Usuarios solicitouse que, en relación coa lenzaría, “debera sinalarse que se trate de elementos de tela, evitando así a posibilidade de empregar elementos de celulosa ou similares”. Naquela altura, as asociacións representantes dos intereses dos albergues turísticos galegos tamén tiñan ocasión de presentar as correspondentes alegacións ó decreto en cuestión, tal e como fixeron as asociacións de consumidores.

O texto polo que se establece a ordenación dos albergues turísticos tivo en conta as consideracións presentadas polas organizacións de consumidores e usuarios. De aí que recolla a obrigatoriedade de que camas e/ou liteiras dos albergues turísticos conten cos elementos necesarios para o seu uso, como mínimo, un xogo completo de lenzaría, manta ou edredón e almofada.

Deixa unha resposta