Consideracións básicas á hora de alugar un automóbil

14/01/2019

Alugar un coche

Un asociado desta organización recibiu un cargo de máis de catrocentos euros á súa tarxeta en concepto de “danos” de Rent A Car polo dano da bandexa dun Seat Ibiza. A empresa, atendendo a súa táboa de valoración de danos, estableceu ese custe pola bandexa en cuestión. Dita táboa é entregada ós clientes cando recollen o vehículo pero desde esta organización consideramos que establece unhas cantidades desproporcionadas polas pezas interiores e exteriores do vehículo se as comparamos cos prezos oficiais das marcas. Neste caso, o prezo que estipula Rent a Car non se axusta ó prezo real do reclamado e non supón a verdadeira valoración do dano. Segundo datos dos concesionarios oficiais da marca o prezo da bandexa rolda os 50 euros non os 450. Estamos, pois, ante unha imposición abusiva e desproporcionada pola cal esta asociación reclamou a devolución do importe indebidamente cobrado por Rent A Car ó noso asociado.

Alugar un automóbil para as vacacións, por traballo ou para levar a cabo unha mudanza é unha opción cada vez máis habitual. Grazas a Internet podemos informarnos con facilidade sobre a localización e prezos destas empresas e optar por alugar un vehículo para desprazarnos. Malia todas estas facilidades convén ter en consideración certas cuestións básicas para que a experiencia non termine convertida nun quebradeiro de cabeza cun custe económico excesivo.

Consideracións básicas á hora de alugar un automóbil

Antes de alugar

1. Ler con calma e atentamente os termos e condicións do contrato de aluguer. Gardar sempre a copia asinada do mesmo. No contrato por escrito deben aparecer, como mínimo, os seguintes datos:

  • Denominación social e de contacto da empresa de alugueiro
  • Tipo de vehículo: marca, modelo e matrícula
  • Duración do contrato de aluguer. Nalgúns casos existen sobrecustes se o coche é entregado fóra de determinado horario, hai que revisar estas cuestións antes de asinar.
  • Lugar onde se fará a entrega do automóbil. Preguntar se pode devolver o automóbil noutra oficina e o custe que isto conleva.
  • Descontos ou promocións coas súas correspondentes condicións

2. Revise as condicións xa que poden existir requisitos obrigatorios para poder alugar o vehículo como unha idade mínima ou unha antigüidade mínima do permiso de conducir.

3. O prezo debe incluír todos os gastos desglosados (taxas, gastos de xestións, xuros…)

4. Informarse sobre os diferentes medios de pago

5. Antes de iniciar a viaxe inspeccionar o coche. En caso de detectar algún estrago sacar unha fotografía e notifícalo.

6. O vehículo debe dispoñer de tódolos elementos de seguridade necesarios como triángulos de emerxencia, roda de reposto, chalecos reflectantes, etc.

IMPORTANTE: Se van compartir a condución do vehículo entre varias persoas, o mellor será deixar por escrito que se dará esta circunstancia e os datos identificativos desas persoas. Preguntar o prezo desta opción.

Ollo, se o modelo que reserva non está dispoñible non está obrigado a pagar un cargo adicional se o modelo que lle proporcionan é de gama superior. Igualmente,  se o coche é de gama inferior, deberán axustarlle o prezo en relación ó novo modelo ofertado. Ademais, se o vehículo non cumpre coas especificacións solicitadas no contrato (número de portas, aire acondicionado, etc) pode cancelar a reserva e solicitar a restitución, de ser o caso, do aboado por adiantado.

Sobre o combustíbel

As compañías de aluguer de vehículos ofrecen varias opcións, a máis usada é a coñecida como cheo/cheo, fan entrega do coche co depósito cheo e a devolución debe facerse do mesmo xeito. Outra opción é a cheo/baleiro, se a devolución do coche faise con combustíbel no depósito debe ter en conta que non percibirá desconto algún por tal circunstancia.

Ao devolver o automóbil

  • O mellor é entregar o vehículo coa oficina aberta e ter a posibilidade de revisar o coche ante persoal da mesma. Así e todo, se o automóbil é entregado cunhas horas de retraso non poden facturarlle o día completo posto que esta práctica sería un redondeo á alza e o cobro por un servizo non prestado, estaríamos ante unha cláusula abusiva e, polo tanto, reclamable.
  • Facer fotografías do exterior e do interior do vehículo para ter probas documentais do seu estado no momento da entrega
  • Solicite un xustificante de que o vehículo foi entregado en bo estado
  • Revise os cargos á tarxeta tras a devolución do automóbil.

Deixa unha resposta