Arbitraxe e Preferentes

18/10/2012

Tras coñecerse a aceptación polas autoridades comunitarias e o Banco de España do procedemento arbitral como fórmula par dar solución ao problema das preferentes comercializadas por NGB, a UCGAL considera preciso dar cumprida información do alcance e o procedemento a seguir por parte dos afectados que decidan optar por esta vía para recuperar o seu diñeiro.

Directivos da UCGAL mantiveron xuntanzas cos responsables da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia así como co Presidente de NGB, José María Castellano co obxecto de dar solución ás dúbidas que moitos afectados están plantexando ante esta Organización de Consumidores.

Ante todo e de conformidade cos comunicados realizados polo IGC, a vía arbitral é alternativa á vía xudicial, de forma que quen acudira a esta vía non poderá posteriormente facelo ante o xulgado e viceversa. O Laudo Arbitral ten o mesmo valor ca unha sentenza xudicial mais non cabe recurso contra del, por iso o procedemento é moito máis rápido.

A pesares de que, non poder acudir logo ao xulgado, é a obxección que se está a expor por parte dos detractores desta vía, a UCGAL quere sinalar públicamente que nas solicitudes dirixidas a NGB o usuario gozará de tódalas garantías e poderá coñecer antes da vista arbitral a postura da entidade financeira ao respecto da cada caso particular; por este motivo invita a todos os afectados a realizar unha solicitude de arbitraxe.

Procedemento

Todo usuario que desexe acudir a esta vía deberá presentar unha solicitude no modelo normalizado que está ao seu dispor nas oficinas do IGC, das OMICs e das Organizacións de Consumidores. Esta solicitude será recibida pola Xunta Arbitral de Consumo que dará traslado da mesma á entidade financeira.

NGB examinará a solicitude do consumidor e determinará se a acepta ou non. En ambos os duos casos o comunicará directamente e por escrito a cada consumidor. Se decide non aceptala exporalle o motivo da súa negativa e lle ofrecerá a vía xudicial para solucionar a súa reclamación.

Sen embargo, en todos os casos en que decida aceptala, NGB sinalará ao afectado non só a súa vontade de acudir á arbitraxe senón que lle sinalará ademais o importe que está disposto a devolverlle. A este respecto a entidade ofrecerá a devolución do importe total depositado menos a diferencia entre os xuros efectivamente percibidos e aqueles que tiveran correspondido se se tratara dun depósito a prazo fixo.

É dicir que se por exemplo un afectado tiña 10.000 € en preferentes e recibiu por elas xuros ao 6% (600 € / ano) e o tipo de xuro para un depósito a prazo fixo estaba no 3% (300 € / ano), NGB devolverá os 10.000 € menos os 300 € da diferencia entre xuros (600-300). Así o usuario recuperará 9.700 € (ademais dos 600 € en xuros xa cobrados).

Só se o consumidor acepta a proposta, devolvendo asinada a carta enviada por NGB, terá lugar o procedemento arbitral. Se o consumidor non devolve a carta asinada entenderase que non desexa seguir coa arbitraxe e poderá acudir a outra vía para buscar unha solución ao seu caso.

Con este procedemento a UCGAL considera que os afectados pola incorrecta comercialización destes produtos por parte de NGB teñen TODAS as garantías para poder optar con seguridade a unha vía que xa permitiu recuperar o diñeiro a varias familias e que nos vindeiros meses o fara a milleiros máis.

Outras entidades

A UCGAL lembra que a vía arbitral SÓ SERVE para os afectados pola comercialización realizadas polas antigas caixas galegas, xa que ningunha outra entidade financeira amosouse disposta a esta solución, preferindo ofrecer aos usuarios canxes por outro tipo de produtos ou mesmo por non lles ofrecer nada.

Nestes casos a UCGAL recomenda realizar unha reclamación fehaciente (burofax, folla de reclamación sellada pola entidade ou requerimento notarial) directamente á entidade financeira solicitando a devolución do diñeiro. Desta forma poderemos demostrar o momento da nosa reclamación aos efectos de que posteriormente en vía xudicial se poida establecer unha condena a pagar os xuros legais desde esa data.

Non se recomenda unha reclamación por carta certificada xa que logo algúns tribunais sinalan que esta modalidade de envío só proba a data de recepción mais non o contido da misiva.

Ademais a UCGAL recomenda presentar reclamación ante as autoridades de consumo para que se procede, iníciese o correspondente expediente sancionador ou se dea traslado á Comisión Nacional do Mercado de Valores.

3 comentarios en “Arbitraxe e Preferentes

Deixa unha resposta