As rebaixas, o ciclo sen fin

2/07/2018

Rebaixas

“En un ciclo sen fin que o envolve todo …” cantaba Elton John xa fai moitos anos e coa chegada do tempo de rebaixas a frase é perfecta para explicar a situación na que se atopan as persoas consumidoras desde que fai seis anos se liberalizaron os períodos desta fórmula de promoción de vendas. Desde o momento no que cada comercio puido decidir cando iniciar os seus descontos proliferaron como cogomelos os períodos promocionais, de descontos, de ofertas, de rebaixas, do que sexa con tal de atraer ós consumidores e consumidoras. Entre o Black Friday, o Cybermonday, o día do solteiro en Alibaba, as ofertas por Halloween, os descontos de Nadal, as rebaixas de xaneiro que enganchan cos descontos e promocións de San Valentín para seguir cos da chegada da primavera, o día do pai, da nai, dos avós… pasamos o ano nun ciclo sen fin que non da tregua ó consumidor nin tampouco ó pequeno comercio, o máis afectado pola liberalización total das rebaixas de 2012.

Promocións puntuais no tempo como o Black Friday poden ser positivas porque dinamizan o comercio e dan visibilidade a ofertas de interese para as persoas consumidoras pero tal e como está organizado o actual mercado, no que o concepto rebaixas perdeu impacto e significado, as vendas non logran activarse como tradicionalmente o facían cando os comercios colgaban nos escaparates os carteis anunciando descontos. Esta situación prexudica ó pequeno e mediano comercio que ó contar con marxes comerciais máis estreitos non pode permitirse ofrecer descontos de xeito case permanente como ocorre cos xigantes comerciais e as grandes superficies. Xa non falemos dos grandes do comercio electrónico como Amazon ou Alibaba, que favorecen a existencia dunha constante guerra de prezos que desvirtúa totalmente os períodos temporais de rebaixas mantendo activo este ciclo de promocións e descontos sen fin no que levamos varios anos inmersos.

Xa sabemos que é difícil pero intentemos non entrar nesta roda en continuo movemento e aceleración. Non deixemos que os anuncios de neon nos ceguen o xuízo e apostemos por outros modelos económicos (economía circular, economía colaborativa) menos agresivos e máis sustentables; e valoremos máis os atractivos do pequeno comercio e os seus valores engadidos como a especialización, a proximidade e o trato personalizado. Cantos menos participemos na carreira consumista, mellor para tod@s.

Deixa unha resposta