As revisións do Gas

21/02/2013

A revisión de instalacións de Butano e Propano

En relación co gas butano e as revisións periódicas, cómpre lembrar que as revisións periódicas das instalacións fixas de gas butano deben realizarse cada 5 anos.

O titular da instalación é quen debe solicitar a unha empresa instaladora de gas de confianza a revisión regulamentaria. Se non coñece ningunha empresa instaladora de gas, solicite información ás asociacións de instaladores, á súa asociación de consumidores ou mesmo á propia empresa subministradora.

Cómpre pedir un orzamento detallado e completo antes da realización do servizo. As empresas deben ter ao dispor dos clientes, a tarifa de prezos dos materiais, da man de obra, os transportes e/ou desprazamentos e de cualquera outro servizo ofertado.

Compare prezos entre distintas empresas.

O tubo flexible debe cambiarse cando caduque e o regulador cando se estropeara; estes dous elementos están excluídos da revisión.

Unha estufa de butano ou unha cociña móbil cunha soa bombona conectada por un tubo flexible non precisan pasar a revisión periódica. A pesares disto, o usuario debe conservar en bo estado de uso o aparello e a pequena instalación asociada (regulador acoplado no envase e o tubo flexible). É moi importante comprobar a caducidade do tubo que conecta o aparello e que o substitúa antes de que caduque. Os reguladores acoplados no envase non teñen caducidade.

Cando o instalador autorizado remate a revisión, pegará un adhesivo que acredite a data na que se realizou e que servirá de recordatorio para a próxima, e tamén lle entregará un Certificado de Revisión, Gárdeo!!!

A revisión periódica debe pagarse en efectivo.

A revisión de instalacións de Gas Canalizado

Corresponde ás empresas subministradoras levar a cabo a inspección periódica das instalacións de gas natural e dos aparellos de gas en servizo en cada instalación. Esta inspección periódica é obrigatoria e deberá realizarse cada cinco anos. Por iso cómpre revisar a documentación que teñamos na casa e verificar cando se realizou a última. Se non conservamos a documentación podemos chamar á empresa subministradora e solicitar esta información.

O custe da inspección corre a cargo dos usuarios, trátase dun importe fixo que será informado por escrito aos usuarios na comunicación que a empresa subministradora lles remitirá con carácter previo. Nesa mesma comunicación, a empresa suministradora sinalará aos usuarios a empresa que se encargará de levar a cabo a inspección.

Cando se trate de inspección en edificios en réxime de propiedade horizontal, tamén se inspeccionarán as instalacións comúns da finca.

O resultado da inspección periódica reflictirase nun Certificado de Inspección, que lle entregará a persoa que a realizara e cuxa validez será por 5 anos. Debemos gardala debidamente se o resultado foi conforme. Se o persoal encargado da inspección advertise algún defecto na instalación, sinalarao nun documento que expresará as deficiencias detectadas. Corresponde ao consumidor corrixir estes defectos, para o que poderá porse en mans dun profesional instalador de gas, calefacción, etc. Unha vez foran subsanadas as deficiencias deberemos remitir á empresa subministradara o documento validado polo técnico (gardemos ou fagamos unha copia do mesmo).

Outras cuestións

En canto ás caldeiras e outros equipos cómpre saber que:

• Cada ano, deberemos realizar unha operación de mantemento das caldeiras e equipos de climatización (calefacción, refrixeración e ventilación), con algunha excepción, como é  o caso de termos eléctricos ou quentadores instantáneos de auga quente.

Non temos obriga de concertar un contrato de mantemento; sen embargo, se xa ten un vixente, este serviralle cando chegue o momento de facer estas revisións de equipos.

• Dado que neste caso os prezos son libres, é moi importante coñecelos de antemán polo que deberiamos pedir un orzamento previo por escrito.

• As empresas instaladoras – mantedoras que se dedican á instalación e mantemento das instalacións de calefacción, climatización e AQS deben estar inscritas no rexistro que  a Xunta de Galicia ten habiitado aos efectos e no Rexistro de empresas instaladoras / mantedoras de instalacións térmicas nos edificios (REITE).

• A empresa que realice o mantemento deberá colocar unha etiqueta autoadhesiva nun lugar visible de cada aparello de calor ou frío da instalación e o cumprimentará cos datos correspondentes. Tamén deberá facernos entrega dun Certificado de Mantemento.

Consellos 

• Desconfíe das visitas inesperadas de empresas instaladoras de gas que veñen polo seu domicilio para realizar a revisión, sexa envasado (butano ou propano) ou canalizado, se non solicitamos expresa e previamente os seus servizos ou non fóron previamente notificadas polas empresas correspondentes.

• Solicite sempre o carnet oficial profesional. Pida que se acrediten como instaladores de gas inscritos no rexistro da Xunta de Galicia.

• No se sinta presionado, reflexione e non se precipite e, ante a dúbida, se lle ofrecen a revisión do gas natural, consulte coa súa empresa subministradora, xa que só esta é a que ten que facer o control de seguridade da instalación e dos aparellos da súa vivenda.

• Se lle ofrecen a revisión do gas butano ou propano e non se trata dunha empresa da súa confianza que vostede contratara previamente, non abra a porta da casa e non lles deixe entrar. Se insisten en que debe vostede permitirlles a entrada a risco de que lle poidan cortar o subministro, chame á Polica ou á Garda Civil.

Ademais lembre que:

• Todas as empresas deben dispor de follas oficiais de reclamación.

• Optar por unha empresa adherida ao sistema arbitral de consumo é unha garantía de calidade engadida.

Deixa unha resposta