BASES LEGAIS DE PARTICIPACIÓN NO CONCURSO DE TIKTOK “CONECTA COA ECONOMÍA CIRCULAR”

29/09/2021

AMPLÍASE O PRAZO PARA PARTICIPAR!!!!

PRIMEIRO. PRESENTACIÓN DO CONCURSO

O concurso de TikTok Conecta coa Economía Circular está organizado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e o Concello de Santiago de Compostela. UCGAL é unha asociación que xorde a finais de 1988. O seu obxectivo é recoller e servir de canle das reivindicacións das persoas consumidoras e usuarias galegas na loita por unha progresiva melloría na calidade de vida da cidadanía.  

O certame Conecta coa Economía Circular realizarase a través da rede social Tik Tok (www.tiktok.com) e a participación no mesmo será totalmente gratuíta. O obxectivo do concurso é concienciar e sensibilizar á mocidade sobre á importancia de coidar a nosa contorna e, por extensión, o planeta, reducindo o noso impacto ao transitar cara un modelo de economía circular que aposte pola reciclaxe, a reutilización, o aforro no consumo e actitudes conscientes sobre o bo uso dos recursos.

Na páxina web da Unión de Consumidores de Galicia (www.consumidores.gal) poderase consultar toda a información relativa ao concurso.

Benfeito_TikTok

SEGUNDO. REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN

  1. Data de inicio e data de finalización

O prazo  para participar no certame comezará o 4 de novembro de 2021 ás 00.01 horas e rematará o 31 de xaneiro de 2022 ás 23.59 horas.

  1. Quen pode participar

A rapazada de entre 13 e 17 anos que resida, curse estudos en centros educativos, ou se atope en situación de acollida en centros de protección de menores situados no Concello de Santiago de Compostela,

  1. Características do vídeo e a súa publicación
  • A temática do vídeo xirará arredor das 4R (Reducir, Reutilizar, Reciclar e Reparar). As persoas participantes mostrarán os seus coñecementos sobre a reciclaxe, como afrontan cuestións como a obsolescencia programada dos produtos (especialmente os tecnolóxicos) ou se son capaces de darlle outra vida a algúns produtos ou materiais.
  • O estilo é libre e poden incluírse sketch de humor, efectos especiais, bailes.
  • Admitirase un vídeo por participante. No caso de que alguén presente máis dunha proposta considerarase válida só a primeira.
  • A duración máxima do vídeo será dun minuto.
  • O vídeo será orixinal e da autoría da persoa que o presente.
  • Deberá publicarse en Tik Tok e será obrigatorio que conteña o cancelo #EuCompost_ela para poder participar no concurso.

 Condicións do envío

Trala publicación do vídeo en Tik Tok cada participante enviará un correo electrónico a prensa@consumidores.gal co asunto “Concurso Tik Tok”. No corpo do email figurará o nome e apelidos da persoa participante, o seu nome de usuario/a en Tik Tok, a ligazón ao vídeo e o medio para contactar con ela (correo electrónico, teléfono). Deberase anexar debidamente cumprimentada a autorización para participar asinada por un representante legal da/o menor, (pode descargarse AQUÍ) e unha copia do DNI do mozo ou moza participante (co obxectivo de comprobar a súa idade e lugar de residencia).

Os menores que participen sen esta autorización serán automaticamente descualificados.

As persoas participantes:

  • Garanten a autoría e a orixinalidade do contido que deberá ser respectuoso e non vulnerar a dignidade das persoas. Tampouco poderá atentar contra a imaxe das entidades organizadoras, así como das entidades e persoas relacionadas. Os contidos con insultos, ameazas ou groseiros serán descartados.
  • Asumen toda responsabilidade sobre o publicado e comprométense a manter indemnes ás entidades organizadoras ante calquera reclamación derivada da vulneración do punto anterior.
  • Aceptan e acatan as presentes bases e os criterios de elección da persoa gañadora, sen que teñan nada que obxectar nin reclamar ao respecto.
  • Garanten a veracidade dos datos persoais facilitados.

 TERCEIRO. PREMIOS

Unha vez finalizado o prazo no que estará vixente o certame (31 de xaneiro de 2022 ás 23.59 horas), procederase á recompilación dos vídeos das persoas participantes que cumpran cos Requisitos de participación (punto 2).

Constituirase un Xurado que elixirá ás tres persoas gañadoras e a tres reservistas. As persoas integrantes do Xurado valorarán o interese da mensaxe transmitida, a orixinalidade, a creatividade e a claridade do vídeo. A organización resérvase o dereito para deixar deserto o premio se as persoas participantes non respectan a normativa do concurso e se non se consegue unha mínima calidade nos vídeos presentados.

Tras as devanditas deliberacións, Unión de Consumidores de Galicia contactará coas persoas gañadoras segundo o medio de contacto que indicara (punto 2). Se nun prazo de 48 horas a persoa gañadora non contactara coa Unión de Consumidores de Galicia procederase a asignar o premio á persoa suplente, e así ata esgotar as tres reservistas.

O primeiro premio consiste nun vale de compra en establecementos do comercio local de Santiago de Compostela por valor de 200€.

O segundo e terceiro premio consisten en vales de compra por valor de 100 € cada un para compras realizadas en establecementos do comercio local de Santiago de Compostela.

Os premios entregaranse durante o desenvolvemento dun evento no que participarán as persoas gañadoras e os seus representantes legais (proxenitor ou titor legal), representantes da Unión de Consumidores de Galicia, do Concello de Santiago de Compostela e do audiovisual. As persoas gañadoras comprométese a asistir á entrega de premios.

CUARTO. LIMITACIÓNS

No concurso non poderán participar as persoas que non cumpran os requisitos de participación (punto 2) e aquelas empregadas e familiares ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade de empregados/ as das entidades organizadoras, nin do persoal que mantén algunha relación comercial coas mesmas.

O premio entregado non será transferible nin susceptible de cambios, alteracións ou compensacións a pedimento da persoa gañadora, non podendo ser trocado por calquera outro produto. Calquera carga fiscal ou tributaria que a aceptación do premio poida supoñer, correrá por conta e cargo dos representantes legais da persoa gañadora, así como calquera outro gasto derivado do concurso que non estea asumido pola Unión de Consumidores de Galicia de forma expresa nas presentes bases legais.

Establécese un prazo de QUINCE (15) días naturais desde a data da concesión do premio para efectuar calquera reclamación motivada. Unión de Consumidores de Galicia resérvase, para o caso de obrigada necesidade, o dereito de substituír o premio por outro de similares características.

QUINTO. EXONERACIÓN DE RESPONSABILIDADE

A título enunciativo, pero non limitativo, Unión de Consumidores de Galicia non se responsabiliza das posibles perdas, roubos, atrasos ou calquera outra circunstancia imputable a terceiros que poidan afectar o desenvolvemento do presente evento, así como tampouco se responsabiliza do uso que faga a persoa gañadora respecto do premio que obteña deste concurso, e non asume responsabilidade algunha por ningún dano ou prexuízo de calquera tipo que puideran sufrir as persoas participantes, a persoa gañadora ou terceiros.

Unión de Consumidores de Galicia non asume a responsabilidade en casos de forza maior ou caso fortuíto que puidesen impedir a realización do concurso ou o goce total ou parcial do premio. No caso de que este evento non puidese realizarse, ben por fraudes detectadas na mesma, erros técnicos, ou calquera outro motivo que non estea baixo o control da Unión de Consumidores de Galicia e que afecte ao normal desenvolvemento do certame, esta entidade resérvase o dereito para cancelar, modificar, ou suspender o mesmo, incluíndo a páxina web de participación.

SEXTO. DEBERES E POLITICA DE PROTECCIÓN DE DATOS

No caso de que as persoas participantes non cumpran coas condicións descritas, as entidades organizadoras poderán tomar medidas ao respecto co obxectivo de evitar fraudes ou abusos.

  1. Protección de datos persoais

A entidade responsable do tratamento dos datos persoais é Unión de Consumidores de Galicia, con CIF G15160609 e domicilio en Santiago de Compostela, Rúa Boiro, 3, 1º A.

Unión de Consumidores de Galicia tómase moi en serio a protección da privacidade e dos datos persoais. Por tanto, a información persoal consérvase de forma segura e trátase co máximo coidado.

De conformidade co establecido na normativa aplicable en materia de protección de datos, e concretamente no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, cada participante, coa aceptación destas bases legais consente que os datos persoais facilitados para a participación neste concurso sexan incorporados a un ficheiro xestionado por Unión de Consumidores de Galicia coas únicas finalidades de tramitar a participación no concurso e para comunicarlle o premio no caso de que resultase gañador/a.f

Os datos persoais de contacto serán utilizados coa finalidade de contactar coa persoa vencedora do certame.

As persoas participantes teñen dereito a (i) acceder aos seus datos persoais, así como a (ii) solicitar a rectificación dos datos inexactos ou, neste caso, solicitar a súa supresión, (iii) solicitar a limitación do tratamento dos seus datos, (iv) opoñerse ao tratamento dos seus datos e (v) solicitar a súa portabilidade. As persoas participantes poden exercer todos estes dereitos mediante comunicación á seguinte dirección: Unión de Consumidores de Galicia, Rúa Boiro, 3, 1º A, 15705 Santiago de Compostela, indicando o motivo da súa petición.

Sen prexuízo de calquera outro recurso administrativo ou acción xudicial, as persoas participantes terán dereito a presentar unha reclamación ante unha Autoridade de Control, en particular no Estado membro no que teña a súa residencia habitual, lugar de traballo ou lugar da suposta infracción, no caso de que considere que o tratamento dos seus datos persoais non é adecuado á normativa, así como no caso de non ver satisfeito o exercicio dos seus dereitos.

A Autoridade de Control ante a que se presentou a reclamación informará ao reclamante sobre o curso e o resultado da reclamación.

  1. Dereitos de imaxe

Os mozos e mozas participantes e os seus respectivos representantes legais (proxenitores ou titores legais)  asumen toda responsabilidade contraída con terceiros polas imaxes que incorporen aos seus vídeos,  eximindo de toda responsabilidade ás entidades organizadoras.

As persoas participantes autorizan ás entidades organizadoras a difundir os seus vídeos, sen ningunha contraprestación, nas redes sociais da Unión de Consumidores de Galicia e do Concello de Santiago de Compostela, así como en calquera soporte que resultase de interese para a promoción do concurso. Pola súa banda, a persoa que resulte gañadora autoriza tamén aos organizadores a utilizar, reproducir e comunicar publicamente, con fins publicitarios e de promoción, o contido do seu vídeo e o nome e imaxe do seu perfil de TikTok. A persoa gañadora comprométese a posar co premio para unha fotografía que poida ser difundida por parte das entidades organizadoras, a través das súas páxinas web, redes sociais ou enviada a medios de comunicación. Todo iso sen recibir ningún beneficio, ademais da entrega do premio obtido, e sen limitacións xeográficas e temporais.

A difusión, utilización, reprodución e comunicación dos vídeos quedan limitadas ás permitidas polas leis de Dereito á Honra, a Intimidade Persoal e Familiar e a Propia Imaxe.

  1. Dereitos de propiedade intelectual

Os nomes, marcas, logotipos e calquera outro elemento distintivo das entidades organizadoras son titularidade exclusiva das mesmas, en aplicación dos dereitos da Propiedade Industrial e Intelectual e de Imaxe.

As persoas participantes autorizan ás entidades organizadoras á difusión do contido dos vídeos, de forma total ou parcial, con fins promocionais, mantendo o dereito de autoría nas mans dos seus respectivos creadores.

SÉTIMO. ACEPTACIÓN DAS NORMAS DA PRESENTE PROMOCIÓN

A participación neste certame supón a aceptación das presentes bases legais. Os organizadores resérvanse o dereito para modificar, ampliar, restrinxir ou retirar este concurso en calquera momento, por razóns xustificadas e sen que lesione o dereito das persoas participantes.

As entidades organizadoras quedan exentas de calquera responsabilidade derivada do mal funcionamento que puidese sufrir a páxina web da Unión de Consumidores de Galicia, así como a rede social TikTok.

Os organizadores resérvanse o dereito de eliminar do certame a aquela persoa participante sospeitosa de impedir o bo funcionamento do mesmo, ben sexa por ataques de índole técnico ou persoal, co obxectivo de desprestixiar a imaxe das entidades organizadoras e dos usuarios e usuarias participantes.

A Unión de Consumidores de Galicia resérvase o dereito de modificar ou ampliar estas bases, na medida que non prexudique ou menoscabe os dereitos das persoas participantes no certame.

OITAVO. LEXISLACIÓN APLICABLE E XURISDICIÓN

Estas bases legais rexeranse de conformidade coa lei español. Serán competentes para resolver calquera reclamación ou controversia que puidese exporse en relación coa validez, interpretación ou cumprimento destas bases os Xulgados e Tribunais da cidade de Santiago de Compostela.

Deixa unha resposta