UCGAL organiza un café-encontro coas persoas afectadas pola fraude das emisións de Volkswagen

17/11/2016

Café encontroRecentemente, un xulgado de primeira instancia de Valladolid condenou ó grupo Volskwagen pola fraude das emisións e obrigouno a indemnizar a un dos afectados. Esta sentenza, a primeira en España que condena ó grupo alemán por unha fraude que afectou a milleiros de persoas, abre unha vía para os galegos e as galegas que se viron prexudicados ó adquirir un vehículo trucado.

Ata o momento, o único que están a recibir as persoas afectadas é unha carta dos fabricantes prometendo unha solución que pasa pola revisión do vehículo baixo unhas condicións escurantistas que non garanten os dereitos das persoas consumidoras e usuarias.

UCGAL entende que neste momento a desinformación é total e que as persoas afectadas atópanse indefensas ante as prácticas dunha empresa que non merece o beneficio da dúbida. Neste contexto, esta organización quere achegarse ó consumidor afectado para coñecer, de primeira man, cales son as súas inquedanzas e queixas, para saber se os seus vehículos xa pasaron por revisión, se asinaron algún tipo de documentación ou se queren reclamar uns dereitos que se viron vulnerados e que nin empresas nin administracións parecen dispostas a protexer… Por iso, UCGAL promove un café-encontro para as persoas afectadas de Santiago e a súa contorna no que os cafés correrán a cargo da entidade.

Este café-encontro celebrarase no SCQ Café Bar (Rúa das Orfas, 2) o vindeiro xoves, 24 de novembro, ás 19:30 horas. Calquera persoa afectada pola fraude de Volkswagen está invitada a participar e compartir as súas dúbidas e experiencias con outros afectados e con técnicos da UCGAL que achegarán consellos, recomendacións e información sobre este caso.

Aquelas persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo electrónico a prensa@consumidores.gal confirmando a súa intención de asistir ó café-encontro ou ben chamar por teléfono ó 981586696.

Deixa unha resposta