Preto dun centenar de profesionais do sector da alimentación participaron na xornada sobre innovación alimentaria da UCGAL

9/10/2017
  • 14 relatores falaron de innovación e investigación na industria alimentaria

Xornada InnovaciónO Hotel Oca Puerta del Camino reuniu o pasado venres, 6 de outubro, a algúns dos máis importantes referentes do sector alimentario galego no marco da xornada ‘Innovación Alimentaria: Que e canto hai de novo?’ organizada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) quen contou coa inestimable colaboración de Mercadona, empresa coa que mantén un convenio de colaboración no ámbito da información e formación das persoas consumidoras.

Preto de cen profesionais entre investigadores, profesores, representantes de empresas tecnolóxicas e alimentarias, e do eido do consumo asistiron a un evento no que se intercambiaron puntos de vista e experiencias punteiras dentro desta industria. Representantes de tódolos elos da cadea de valor do produto alimentario reflexionaron sobre a importancia da investigación aplicada á alimentación e as novidades e propostas (experiencias, estudos, investigación, produtos) realizadas na nosa comunidade autónoma.

A xornada foi inaugurada, a primeira hora da mañá, polo secretario xeral da UCGAL, Miguel López Crespo, que destacou a importancia de “pór en marcha unha iniciativa dirixida a conectar a consumidores e industria para intercambiar impresións e coñecementos, experiencias e consellos.” Nesta liña, compartiu o seu desexo de que “neste espazo de intercambio de experiencias” se desen “as condicións propicias para que agromen as vindeiras propostas innovadoras”.

Durante o encontro, un total de catorce relatores achegaron ó público proxectos e investigacións que innovan en diferentes áreas de traballo e que abordan distintos aspectos relacionados co proceso de elaboración dun produto alimentario.

Esta xornada constitúe un novo fito na liña de traballo sobre alimentación desenvolvida pola UCGAL desde 2013 e que se completa cos estudos que esta organización publica periódicamente sobre cuestións como hábitos de compra das persoas consumidoras, calidade dos servizos de atención ó cliente dos grupos de distribución, etiquetaxe dos produtos lácteos ou consumo de peixe conxelado.

Relatorios

Durante a xornada interviron relatores como a especialista en calidade alimentaria Esther Vázquez, o xurista Miguel Vieito, a investigadora Tania Palmeiro do grupo de Enxeñería ambiental e bioprocesos da USC; a investigadora do CSIC Marta Santalla e a divulgadora científica Déborah García (Premio Prisma da Casa das ciencias de Divulgación 2017 ao Mellor libro editado, por ‘Todo es cuestión de química’).

As empresas participantes foron Mercadona, Marexi, Profand, Carbónicas Landeira, Kalekói, Restaurante Benboa, Cooperativa Amarelante, Grupo Nueva Pescanova e a asociación de armadores de Marín.

Deixa unha resposta