A Clínica Beleq sentenciada ao pago de máis de 2.600 € a unha socia da UCGAL

5/09/2019
  • Esta asociada sufriu queimaduras pola mala administración dun tratamento de estética

Unha sentenza dun xulgado de primeira instancia de Santiago de Compostela condena a Clínicas Beleq S.L ao pago de 2.669,05 euros a unha asociada da Unión de Consumidores de Galicia que presentou unha reclamación contra a citada clínica polos danos físicos sufridos pola administración dun tratamento estético de redución de graxa mediante a aplicación de frío.

Clinica Beleq

A consecuencia deste tratamento levado a cabo na Clínica Beleq, sita no Centro Comercial As Cancelas de Santiago de Compostela, a usuaria sufriu prexuízos de carácter persoal e secuelas físicas polo que presentou a correspondente reclamación contra o centro chegando o caso ao xulgado da man do equipo legal da UCGAL.

O caso contra Clínicas Beleq

Segundo a publicidade deste centro de estética o tratamento recibido pola asociada da UCGAL é unha técnica non invasiva consistente na aplicación de frío sobre o corpo de forma controlada e durante un tempo determinado. Na mesma publicidade indican que non é preciso un tempo de recuperación e que o paciente pode reincorporarse inmediatamente á súa vida cotiá. En ningún momento facilitóuselle á usuaria documentación e/ou información na que se aludise á existencia dos riscos da práctica, os posibles efectos secundarios ou a existencia de posibles lesións.

Xa durante a administración do tratamento, a usuaria referiu aos técnicos da clínica dor e molestias pero as súas queixas foron ignoradas. Ese mesmo día tivo que acudir a urxencias pola dor na zona tratada, diagnosticándoselle unha queimadura por frío con abrasión, hematoma e un importante traumatismo nese área. A evidencia é contundente, a usuaria sufriu lesións a consecuencia do tratamento levado a cabo na clínica que foi executado de xeito inadecuado.

Estamos ante un caso non só de falta de dilixencia por parte da clínica senón tamén de incumprimento contractual ante a defectuosa realización do tratamento e pola omisión do deber de información que recolle o dereito ao consentimento informado. Este último punto é un dos aspectos máis preocupantes deste caso: a ausencia do consentimento informado á usuaria. Esta falta de información implica mala praxe por parte da clínica xa que é obrigatorio facilitar á persoa a información necesaria para que exercite con coñecemento os seus dereitos e tome a decisión máis conveniente aos seus intereses, coñecendo os eventuais riscos para podelos valorar e consentir ou desistir da operación.

A sentenza, que é firme e contra a que non cabe recurso, tamén obriga a Clínicas Beleq S.L ao pago dos intereses legais desde a reclamación interposta por UCGAL.

Recomendacións básicas para as persoas consumidoras

A proliferación de centros de estética nos últimos anos aumentou e os tratamentos menores, que non precisan cirurxía e que se publicitan como sinxelos, rápidos e de eficacia probada están á orde do día. . Os establecementos que ofrecen esta tipoloxía de servizos deben cumprir cuns mínimos requisitos técnicos, hixiénicos e de seguridade; e basean o seu principal atractivo en ofertas e prezos económicos para atraer ás persoas consumidoras. Porén, pode suceder que non conten con profesionais o suficientemente preparados nin con todos os requisitos necesarios para o exercicio da actividade, algo que pode repercutir seriamente na saúde das persoas consumidoras que soliciten tratamentos nestes espazos.

Antes de someterse a un tratamento nunha clínica de estética é importante coñecer a técnica que van utilizar, así como contar con información suficiente sobre o tratamento, os posibles efectos secundarios e os riscos asociados. O centro debe ofrecer un documento con todos estes datos e solicitar a confirmación por parte do usuario, o chamado consentimento informado.

Así mesmo, a entidade que vela polos dereitos das persoas consumidoras galegas considera que no actual escenario no que coexisten centros de estética con diversidade de tratamentos, protocolos de información e criterios é necesario unha actuación máis decidida por parte da administración ao fin de asegurar que os usuarios e usuarias reciban o mellor tratamento posible dentro duns parámetros comúns a nivel técnico, hixiénico e de seguridade.

Xa para rematar, UCGAL continuará coas accións contra Clínica Beleq xa que estima que a citada clínica puidera incumprir a lexislación en materia de seguridade, responsabilidades e autorizacións.

Deixa unha resposta