Compras por Internet e a distancia: problemas na entrega

12/02/2019

Entrega

Cada vez é máis frecuente comprar a través da Internet, por iso a cantidade de paquetes que cada día se entregan no noso país vai en aumento. Incluso atopamos webs que anuncian a posibilidade de comprar un artigo e recibilo en 24 horas, unha rapidez que non sempre é real. Cantas veces esperou toda unha tarde por entrega que non chega? Cantas veces lle dixeron que pasaron pero que non había ninguén? Cantos paquetes retrasáronse máis dunha semana ou non apareceron nunca? Isto provoca que unha das principais fontes de conflitos das persoas consumidoras no ecommerce sexa o envío do produto que mercaron, ben porque a data de entrega non se cumpre, ben porque o artigo chega con desperfectos.

Imos debullar os dereitos que asisten ás persoas consumidoras cando encargan un produto por Internet e esperan que chegue en tempo e en perfectas condicións.

Que é o dereito de desistimento?

Á hora de facer compras fóra de establecemento comercial, e as compras por Internet entran nesa categoría, as persoas consumidoras dispoñen dun prazo de 14 días para devolver o produto adquirido sen ter que xustificar a súa decisión e sen penalización de ningún tipo. Isto é o que se coñece como dereito de desistimento. Este prazo amplíase a 12 meses se o comercio ou establecemento non achega información ao consumidor sobre este dereito.

Unha vez devolto, o comerciante/establecemento deberá reembolsar os cartos pagados polo produto. O reembolso deberá facerse usando o mesmo medio de pago que empregou a persoa consumidora, a non ser que solicite expresamente o contrario. Se non se percibe a cantidade no prazo de 14 días, o consumidor terá dereito ao dobre da cantidade inicial.

Prazos de entrega

O comerciante/establecemento debe entregar o produto nun prazo de 30 días, a non ser que ámbalas partes acorden unha data de entrega diferente. Se ao termo do prazo de entrega o vendedor non fixo efectiva a entrega do produto, a persoa consumidora ten dereito a rescindir o contrato ou a un reembolso.

Imaxine que para o Nadal compra unha caixa de mazapáns de Lübeck que veñen de Alemaña. Rematan as festas e a caixa non chega. Neste caso tería dereito a un reembolso porque o produto non se entregou no prazo de 30 días que establece a normativa.

Outro caso. Encarga un complemento de moda para o día da súa voda pero o produto non chega. Neste suposto, a data de entrega era esencial polo que terá dereito a solicitar a devolución do aboado e, incluso, a pedir danos e prexuízos.

E que pasa se non pode recoller o paquete ou non estaba na casa cando tentaron facer a entrega? Pois ten a opción de acordar outra data de entrega e o vendedor ten a obriga de facer chegar o paquete nun prazo de 30 días. E non pode recoller o paquete outra persoa no seu nome? Si, esa posibilidade está contemplada na lexislación vixente.

Entrega

O prezo dos envíos

A persoa consumidora debe recibir información clara e detallada do prezo total do que compra, isto inclúe os gastos de envío e outros posibles custos. Por exemplo, se hai a posibilidade de contratar servizos adicionais como empaquetar o produto para regalo ou que a entrega se faga urxente, a persoa consumidora debe dar o seu consentimento expreso para que se leven a cabo. Se non hai autorización expresa deberán reembolsarlle os cartos dos servizos non solicitados.

Debe quedar claro que cando se fai unha compra a través dunha páxina web a persoa consumidora non ten que pagar recargos ou custos a maiores se non se lle informa de xeito claro e efectivo antes de facer o pedido. E moito ollo coas casas premarcadas porque iso non serve como consentimento expreso. Nestes casos o consumidor tería dereito ao reembolso dos cartos sendo responsabilidade do comerciante ou establecemento demostrar que a casa non estaba premarcada desde o inicio do proceso de compra.

Defectos e/ou danos

É posible que ao recibir o produto detecte danos, defectos ou taras. Se así é, convén saber que o vendedor é responsable dos danos sufridos polo produto desde que se realiza a compra ata que chega a mans do comprador. Se o produto presenta algún defecto ou tara poderemos exercitar o dereito á reparación, a substitución ou a devolución do importe pagado ou a unha redución nese importe dependendo das circunstancias. 

Cando se recibe o paquete, non é mala idea revisar en presenza do transportista o estado do artigo comprado. En caso de que o produto presente algún dano, non terán a posibilidade de argumentar que a responsabilidade é do comprador. Ollo, hai que deixar constancia deses danos ou taras no documento de conformidade de entrega.

Deixa unha resposta