Un xulgado de Santiago condena a dúas eléctricas a indemnizar a unha socia da UCGAL por deixala sen servizo eléctrico durante once días

10/03/2017
  • Mentres as eléctricas insisten con agresivas estratexias de captación e penalización de clientes, UCGAL avanza na senda das reclamacións

Os feitos remóntanse a 2016 cando unha asociada da Unión de Consumidores de Galicia quedou sen servizo eléctrico de resultas da incompetencia do servizo de atención ó cliente de Endesa Enerxía, SAU e da inoperatividade do servizo técnico de Unión Fenosa Distribución, S.A.

justice-510742_640Ámbalas dúas entidades, incumprindo flagrantemente a legalidade, causaron importantes prexuízos e padecementos a unha familia que tan só pretendeu dar de baixa un contrato dun servizo de mantemento. No caso da distribuidora (Unión Fenosa Distribución, S.A.), a súa falta de interese chegou ó extremo de ser xulgada en rebeldía, o cal dá mostra do seu interese polos problemas que causan tanto individualmente a persoas consumidoras como, en xeral, ó conxunto do sistema eléctrico.

Neste caso, tanto a consumidora afectada como a UCGAL actuaron en todo momento con total dilixencia, contactando en distintas ocasións -telefonicamente e por escrito- coa comercializadora e coa distribuidora. Pese a extrema dilixencia da asociada e da UCGAL para intentar resolver o problema, foron necesarios once días para que fose efectivo o restablecemento do servizo.

Nunha sentenza firme e sobre a que non cabe recurso, o xulgado de primeira instancia de Santiago de Compostela condena solidariamente a Endesa Enerxía, SAU e a Unión Fenosa Distribución, S.A, a pagar case 1300 euros, na súa maior parte correspondentes a danos morais. Especialmente significativo é o feito de que a sentenza condena ás dúas eléctricas porque ambas, na medida das súas competencias, incumpriron obrigas contractuais e legais. A resolución xudicial ratifica a valoración da UCGAL sobre a inoperatividade e a ineficacia dos servizos técnicos e de atención ó cliente de ambas as empresas.

Nesta liña, UCGAL quere poñer o foco de atención sobre as obrigacións que teñen as empresas do sector eléctrico en relación cos contratos con consumidores. Esta organización considera que, a día de hoxe, a calidade do servizo, o deficiente mantemento das infraestruturas, o incorrecto dimensionamento dos servizos de avarías e dos servizos de xestión de incidencias están a provocar múltiples prexuízos a miles de familias galegas que, tódolos anos, soportan resignadas unha falta de calidade que devén non dunhas circunstancias climatolóxicas extraordinarias, senón dun deficiente cumprimento das obrigas que incumben ás eléctricas.

Sen ir moi lonxe, todos e todas recordamos o último episodio sobre interrupcións no subministro que afectou a milleiros de persoas o pasado mes de febreiro malia que non existiron causas de forza maior nin circunstancias climatolóxicas extraordinarias.

Naquel momento e tendo en conta o alcance dos cortes de subministración, UCGAL avanzaba ás persoas consumidoras que os pasos para facer valer os seus dereitos eran actuar dilixentemente, seguir os consellos que esta organización deu no seu momento, preparar o camiño para unha reclamación e levala a efecto na vía correspondente,sen descartar a vía xudicial; opción apoiada por UCGAL dada a súa eficacia como acaba de demostrarse no caso que nos ocupa.

Deixa unha resposta