Consellos para comprar en Halloween

30/10/2015

Disfraces, accesorios, maquillaxe e festas, o Halloween xa está aquí e, outro ano máis, proliferan como cogomelos as ofertas comerciais que animan aos consumidores a gastar cartos en produtos que, en moitos casos, poden supor un risco para a saúde.

Para celebrar e gozar desta festa de tradición anglosaxona queremos recordarlles aos consumidores a importancia de adquirir produtos que sexan seguros. O normal é recorrer a tendas de baixo custe onde todo é máis barata pero, ás veces, estes produtos non cumpren nin coa normativa de etiquetado nin coa de seguridade.

Vaiamos por partes. Coma sempre recomendamos facer unha compra responsábel evitando un consumo innecesario. Cando realice as compras para o disfrace ou a festa esixa sempre un tícket ou factura para poder facer, no caso de ser necesario, unha reclamación a posteriori. O comprobante de compra debe conter: o nome do produto, o prezo, a data de compra e o nome e CIF do establecemento.

Prestade atención á información que aparece na etiqueta dos produtos. A información debe indicar o fabricante, a recomendación de uso por idade e o CE de conformidade coa lexislación europea. Hai produtos que incumpren a lexislación comunitaria no tocante a inflamabilidade e expoñen aos usuarios a queimaduras. Na medida do posible utilizade disfraces feitos con materiais homologados para non rematar disfrazados de Antorcha Humana e asegurádevos de que as perrucas fosen fabricadas con materiais ininflamables. 

Desde UCGAL recordamos que os disfraces e os accesorios son considerados como xoguetes cando se dirixen a menores de 14 anos. Por iso, o seu etiquetado debe conter o CE e o nome e enderezo do fabricante. Importante, a roupa destinada aos menores non poder ter cordóns na zona do pescozo. Moito ollo con aqueles disfraces ou accesorios que poidan representar un risco como os que conteñen pezas pequenas que se poden tragar ou os que teñen elementos punzantes. Os accesorios como espadas, coitelos, lanzas deben ser flexibles e brandos para non provocar feridas.

As máscaras deben estar feitas con materiais transpirables e permitir unha adecuada respiración. Para evitar reaccións alérxicas, verificar que os postizos como verrugas, narices ou barbas están testados dermatolóxicamente. Atención especial ás dentaduras postizas porque poden conter elementos químicos prexudiciais como chumbo. 

No tocante á maquillaxe temos que ter moito coidado co que compramos. Procurade adquirir cosméticos adaptados a vosa pel ou, mellor aínda, hipoalerxénicos. Evitemos sorpresas desagradables. Na etiqueta deben aparecer os compoñentes e as condicións de uso.

As lentes de contacto convertéronse nun accesorio imprescindible de moitos disfraces. Recomendámosvos que compredes este produto en establecementos físicos onde contedes co asesoramento e supervisión dun profesional óptico, senón podedes expoñervos úlceras, conxuntivite, infeccións, etc. Non queremos ser alarmistas pero a proliferación de sitios web e establecementos que venden lentes de contacto sen contar coa supervisión dun profesional dispara as visitas a urxencias nestas datas.

Deixa unha resposta