Consumidores e internautas rexeitan a regulación das redes de fibra óptica da CNMC

23/11/2015

Asociacións de internautas e consumidores (AI, UCC, UCGAL, ADECES, UCCV e UCEUS)* queren facer público o seu rexeitamento ante a regulación das redes de fibra óptica aprobada o pasado día 18 pola Comisión Nacional de Mercados e a Competencia (CNMC), e a súa preocupación polas opinións dos operadores con motivo da mesma. As asociacións fundamentan a súa posición nos seguintes motivos: 

1º. O modelo de competencia en infraestruturas, vixente até agora, permitiu que España pase de dispor de 11,2 millóns de redes de Acceso de Nova Xeración (NGA) no IV trimestre de 2011 a 27,6 millóns no primeiro trimestre de 2015, segundo a CNMC.  

2º. Resulta desde todo punto de vista incomprensible que a CNMC persiga reproducir os esquemas dun modelo de competencia parasitaria, igual que coas anteriores infraestruturas, baseado na revenda de servizos que priva aos usuarios da diferenciación da oferta. 

3º. Este cambio pode ocasionar o descenso en investimento en novas redes que son imprescindibles para o desenvolvemento da economía dixital e para proporcionar cohesión social e territorial, reducindo a fenda dixital. 

4º. A reiteración da CNMC no modelo que sustentou a competencia das redes de cobre carece de toda xustificación económica, xa que as NGA constitúen un novo mercado no que todos os operadores gozan de igualdade de oportunidades para estendelas no territorio. Non hai, en consecuencia, un operador que posúa a infraestrutura até todos os fogares como antes, polo que o regulador estaba obrigado a facilitar o acceso do resto de competidores á mesma. 

5º. En definitiva, é preciso sinalar que o papel da regulación é proporcionar un marco que permita o retorno do investimento e a rápida extensión da infraestrutura. 

6º. Neste sentido, hai que lembrar que os operadores que interveñen neste mercado son multinacionais do sector, ou empresas cunha importante presenza nos territorios nos que se localizan, que non necesitan protección dos reguladores porque saben, ou teñen que saber que investir no mesmo leva un risco.

——————————————————————————————————————————————————————–

* AI: Asociación de Internautas, UCC: Unió de Consumidors de Catalunya; UCGAL: Unión de Consumidores de Galicia; ADECES: Asociación Pro Derechos Civiles, Económicos y Sociales, UCCV: Unión de Consumidores de la Comunitat Valenciana, UCEUS: Unión de Consumidores de Euskadi.

Deixa unha resposta