O crecemento da UCGAL é un reflexo do bo traballo e da confianza que inspira na poboación

15/03/2017
  • Denunciará ó grupo Banco Popular por obrigar ós seus clientes a usar un protocolo de reclamación por cláusulas chan non previsto na lexislación vixente
Xornada en Pontevedra

Xornada cláusulas chan en Pontevedra

Un ano máis celebramos o Día Mundial das Persoas Consumidoras, unha data na que UCGAL fai balance do seu traballo na defensa dos dereitos das persoas consumidoras de Galicia, labor que ten como resultado unha sociedade máis igualitaria e xusta para tódalas persoas.

A UCGAL, como tantas outras asociacións, fundamenta a súa capacidade de actuación en base a súa masa social, e neste sentido, o seu crecemento durante o último ano foi continuo e sostido nun contexto marcado pola colaboración, a través de convenios, con distintas administración locais como os concellos de Cangas e Ames, e con entidades con proxectos e intereses similares como a FAEPAC.

Esta progresiva consolidación como organización de consumidores máis representativa de Galicia permitiu aumentar o número de actividades formativas e informativas e fortaleceu o impacto das accións que UCGAL leva a cabo. Boa mostra disto son as case trinta xornadas informativas sobre préstamos hipotecarios realizadas a principios deste ano ás que asistiron máis de mil persoas.

Os estudos

A mellora no recoñecemento social da asociación ten entre os seus alicerces a divulgación de estudos e informes, traballos que centran gran parte do esforzo desta organización e que teñen como resultado unha aproximación precisa á realidade dos consumidores e consumidoras galegos e ós distintos sectores estratéxicos do mercado (distribución, operadores de telefonía). Entre os estudos presentados o último ano destacan o II Estudo Confianza Establecementos Alimentación, un traballo que explora os principais aspectos que teñen en conta os galegos e as galegas á hora de facer a súa compra e de decantarse por un establecemento comercial; e o II Estudo sobre e-administración local realizado a 49 concellos representativos das 17 comunidades autónomas.Estudo Confianza Establecementos Alimentación

Nestes momentos a UCGAL está ultimando un estudo sobre os produtos conxelados, unha área directamente relacionada con dous dos eixos fundamentais do labor desta organización: a alimentación e o etiquetado. 

Estratexias de acción conxuntas

Conscientes das limitacións para poder traballar con eficacia en diferentes áreas, UCGAL creou redes de traballo e colaboración con asociacións e/ou entidades centradas noutros ámbitos de acción coas que coopera na realización de campañas, estudos e informes.

UCGAL leva varios anos colaborando activamente coa Asociación de Internautas (AI) e Asociación Prol Dereitos Civís, Económicos e Sociais (ADECES); froito desa colaboración xurdirá unha plataforma interasociativa de carácter aberto, centrada en tratar temas relacionados coa seguridade e a privacidade dixital.

A vixilancia do mercado e a defensa dos consumidores

Igualmente, o traballo desta organización mellorou moito en ámbitos como a vixilancia do mercado,  o seguimento e control dos servizos e a denuncia dos abusos e problemáticas que afrontan as persoas consumidoras. Os últimos meses estiveron marcados pola problemática das cláusulas chan e dos gastos hipotecarios. En relación a iso, UCGAL presentará nos vindeiros días unha denuncia contra o grupo Banco Popular ó considerar que está obrigando ós seus clientes a facer uso dun protocolo de reclamación por cláusulas chan non previsto na lexislación vixente, rexeitando a validez de reclamacións presentadas noutros formatos.

A imaxe pública e Os Benfeito

A entidade tamén traballou na mellora da súa imaxe pública, por iso levouse a cabo unha actualización da páxina web e un proceso de dinamización das redes sociais. Así mesmo, apostou por crear novas liñas de comunicación, o resultado foi unha nova ferramenta: Os Benfeito, unha banda deseñada coa que UCGAL pode achegar as súas informacións e o seu traballo a distintos perfís de público de forma áxil e innovadora.

Esta organización entende que a información e a formación son fundamentais e quere ofrecer ós consumidores as ferramentas necesarias para facer valer os seus dereitos en todo momento. UCGAL pretende seguir avanzando para dar continuidade ó seu proxecto e chegar ós milleiros de galegas e galegos que precisan axuda, información e asesoramento no eido do consumo.

Deixa unha resposta