UCGAL denuncia ante as autoridades de Consumo a imposición de determinados medios de pago en espectáculos públicos

10/02/2018

Concerto

  • Preocupa que nos festivais non se faga un control efectivo sobre o acceso dos menores ás bebidas alcohólicas

Logo das queixas de distintos asociados e asociadas, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) constatou a proliferación de prácticas en diversos espectáculos públicos que repercuten negativamente nos intereses das persoas consumidoras. O funcionamento dentro dos recintos dalgúns eventos desta tipoloxía obriga ás persoas asistentes a trocar diñeiro de curso legal por “fichas” para poder acceder ó consumo de determinado produtos, polo xeral bebidas alcohólicas. UCGAL tivo coñecemento de que este proceso de troco de cartos por “fichas” impide que a persoa asistente recupere o importe equivalente se ten “fichas” sobrantes polo que, no caso de non chegar a utilizalas, perdería os cartos xa que as mesmas non son reembolsables.

As condutas descritas vulneran os dereitos que a lexislación vixente recoñece ás persoas consumidoras e máis concretamente os seus lexítimos intereses económicos xa que por unha banda impide a utilización do diñeiro de curso legal como medio de pago e por outra impide a recuperación do exceso non consumido. Así mesmo, UCGAL considera que ambas as dúas condutas poden ser cualificadas de prácticas abusivas a tenor do establecido na normativa básica de protección das persoas consumidoras e usuarias polo enorme desequilibrio que xera entre as partes da relación.

A práctica descrita ten unha enorme transcendencia visto que se consolida e prolifera no eido dos espectáculos públicos, dentro e fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, o inxente número de asistentes a estes eventos (o ano pasado tres festivais musicais celebrados en Galicia congregaron a preto de 125.000 persoas) converte esta práctica nun problema de enorme magnitude que as autoridades de consumo non poden ignorar.

Consumo alcohol

Outro aspecto preocupante, que UCGAL trasladará ás entidades con competencias en sanidade, ten que ver co consumo de alcol. A xuízo desta asociación a imposibilidade de recuperar o diñeiro das “fichas” non utilizadas coloca ó consumidor ante a disxuntiva de perder diñeiro ou consumilo. Este problema cobra especial significado cando o medio de pago só permite adquirir bebidas alcohólicas, promovendo así unha conduta que incita ó seu consumo.

Especialmente preocupante resulta este problema cando ós feitos descritos sumamos a hipotética situación derivada da falta de control exhaustivo no acceso a bebidas alcohólicas por parte de menores. Unha situación que ben puidera darse ó tempo de finalización destes eventos, momentos nos que a medidas de control e vixilancia puideran diminuír.

UCGAL solicita tanto ó Instituto Galego de Consumo (IGC) como as autoridades con competencias en Sanidade de Galicia que dean traslado ós seus homólogos nas diferentes comunidades autónomas ó entender que estas prácticas non son exclusivas da nosa comunidade autónoma e que se reproducen a nivel estatal.

Deixa unha resposta