Coñeces os dereitos ARCO?

27/01/2016

Mañá celébrase o Día Europeo da Protección de Datos, tamén coñecido como o Día da Privacidade de Datos nos Estados Unidos. Esta celebración, impulsada pola Comisión Europea, o Consello de Europa e as autoridades de Protección de Datos dos estados membros da UE, creouse coa intención de dar a coñecer e promover as boas prácticas na privacidade e protección de datos. Sabes cales son os teus dereitos en materia de protección de datos? Coñeces os dereitos ARCO? 

Os ARCO, son dereitos que nos permiten coñecer se a nosa información persoal está sendo tratada por unha empresa/entidade, de quen e de onde obtiveron eses datos e, unha cousa moi importante, a quen lle cederon esa información. Fagamos un pequeno repaso polos dereitos fundamentais dos cidadáns no tocante á Protección de Datos de carácter persoal, os dereitos ARCO (Lei Orgánica 15/1999, do 13 de decembro)

– Dereito de Acceso: Temos dereito a dirixirnos ó responsable do ficheiro para solicitarlle información sobre se os nosos datos de carácter persoal están sendo sometidos a tratamento. Grazas a este dereito temos a posibilidade de coñecer que empresa ten os nosos datos e desde cando. Esta información é de carácter gratuíto.

– Dereito de Rectificación: Podemos esixir a modificación dos nosos datos sempre e cando resulten ser inexactos ou incompletos. Isto garante a veracidade da información obxecto de tratamento.

– Dereito de Cancelación: Este dereito permite a supresión dos datos que sexan excesivos ou inadecuados e que atenten contra a nosa persoa.

– Dereito de Oposición: Temos dereito a que non se leve a cabo o tratamento dos nosos datos de carácter persoal ou se poña fin ó mesmo.

Nunca está demais coñecer cales son os nosos dereitos e como podemos exercelos. Imaxina que, por exemplo, apareces nun ficheiro de solvencia patrimonial, máis coñecido como ficheiro de morosos. No caso de que foras incluído nun ficheiro deste tipo lembra que non só poderás coñecer quen che deu de alta, senón tamén quen consultou os teus datos; e non esquezas que o prazo máximo no que poden figurar os teus datos por unha débeda é de seis anos.

Tampouco debes descoidar os teus dereitos en relación co envío de comunicacións comerciais, máxime nuns tempos no que moitas empresas españolas están a enviar correos publicitarios desde países fóra da Unión Europea para burlar a normativa nacional e comunitaria de protección de datos.  Queres darte de baixa e acabas en webs de Brasil, México ou en páxinas non seguras que, polo xeral, é mellor non abrir.

Máis información na web de Axencia Española de Protección de Datos.

Deixa unha resposta