Dereitos dixitais si, despois dun amplo debate

16/07/2018
  • UCGAL, AI e ADECES solicitan que os dereitos dixitais non se aborden no Proxecto Lei de Protección de Datos

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), a Asociación de Internautas (AI) e a Asociación pro Dereitos Civís, Económicos e Sociais (ADECES) queren manifestar a súa preocupación pola instrumentalización da tramitación do Proxecto Lei de Protección de Datos para abordar os dereitos dixitais, incluídos en dúas emendas do PSOE recollidas baixo os epígrafes “liberdade de expresión” e “dereito ao esquecemento” e solicitan a súa retirada, así como un amplo debate sobre os citados dereitos antes, no seu caso, de calquera regulación.

As tres asociacións consideran un erro sustentar a veracidade informativa e con ela a eliminación dos contidos dixitais na “previa queixa ou aviso” (suponse que do interesado). Este proceder traslada o poder desde os responsables dos medios dixitais aos afectados pola información, concedéndolles a capacidade de neutralizar calquera contido informativo e desnaturalizando o propio dereito á información.

Basta recordar algúns asuntos recentes para decatarse do perigoso que sería para unha sociedade democrática que o dereito á información se subordinase a protocolos deste carácter ou á Lei de Protección de Datos.

As persoas que se consideren afectadas por unha información “falsa” asístelles o dereito de rectificación (do mesmo xeito que nos medios analóxicos) e o recurso aos tribunais civís ou penais para defender o seu dereito ao honor ou defenderse dun delito de inxurias ou calumnias (como sucede respecto de outros medios).

Por outra banda, determinar o alcance do anonimato en Internet merece un debate en profundidade, aínda que consideremos que os responsables dos medios dixitais, ante os pronunciamentos xudiciais contra os mesmos (por vulneración do dereito ao honor, á propia imaxe …) deberán estar en condicións de garantir a identificación de quen vulnera os dereitos doutro desde o anonimato, da mesma forma que nun medio analóxico.

Tamén sería conveniente debater sobre o deber dun medio dixital de admitir un aviso aclaratorio a solicitude do interesado sobre noticias dixitais que lle concirnen e quedaron desactualizadas, á luz de, sobre todo, actuacións policiais ou xudiciais revogadas por decisións posteriores. Estamos, serva a licenza, ante un “dereito de rectificación eterno” (máis amplo no tempo que o que asiste aos cidadáns ante os medios analóxicos) que pode estar xustificado pola permanencia e accesibilidade na rede dos arquivos dixitais.

Por outra banda, tampouco se aborda adecuadamente, a emenda sobre o dereito ao esquecemento: a cancelación polo transcurso do tempo dos datos persoais cando sexan inadecuados, non pertinentes ou excesivos. Un deber que o parágrafo segundo desa emenda circunscribe aos motores de procura, sen alcanzar aos medios que publicaron a noticia, en liña coa sentenza do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH).

Con todo, para UCGAL, AI e ADECES pode resultar excesivo o réxime do seu exercicio se atendemos ao feito de que nas emendas non se determina que poida ser exercitado por calquera persoa e máis aínda cando non se determina que datos poden devir en históricos e desde esa perspectiva que é inadecuado, non pertinente ou excesivo.

Por todo iso, as tres asociacións solicitan a retirada das emendas mencionadas e a abordaxe dos dereitos dixitais tras un amplo debate entre partidos políticos, organizacións sociais, e operadores.

Deixa unha resposta