Dereitos e obrigas nos aparcadoiros

3/04/2018

A lei que regula os aparcadoiros públicos data de 2002 (Lei 40/2002, do 14 de novembro) e delimita cales son os aparcadoiros obxecto da mesma, regula a responsabilidade e obrigacións dos titulares, así como as obrigacións dos clientes destes espazos.

aparcadoiro

Que é un aparcadoiro público?

Segundo a lei antes citada, trátase dun recinto ou local explotado mercantilmente por unha persoa, o titular do aparcadoiro, que temporalmente cede espazos para o aparcamento de vehículos de motor. Os seus deberes son a vixilancia e custodia do vehículo durante o tempo que permaneza no espazo a cambio dun prezo determinado. O prezo pactarase por minuto de estacionamento, sen posibilidade de redondeos a unidades de tempo non efectivamente consumidas ou utilizadas.

Hai dúas modalidades:

  • Con reserva de praza. O titular mantén durante o período de tempo pactado unha praza a disposición plena do usuario. Polo xeral, o prezo e o tempo están prefixados.
  • Rotatorio. O titular facilita unha praza por un período de tempo variable. Este é o máis común e o que maiores problemáticas orixina.

E son excluídos da categoría de aparcadoiros públicos os que non se axusten á definición de aparcadoiro público da lei, é dicir, que non sexan estacionamentos con reserva de praza ou rotatorios. Neste caso os excluídos son:

  • Os regulados ou os da vía pública.
  • Aqueles aparcadoiros non retruíbidos directa ou indirectamente como poden ser os dalgúns hoteis, centros comerciais, etc.

Sobre as obrigas do/a titular do aparcadoiro

O titular do aparcadoiro ten as seguintes obrigas:

  • Facilitar espazo para o aparcamento do vehículo á persoa usuaria.
  • Entregar un xustificante/resgardo do aparcamento onde conste a identificación do vehículo e, de ser o caso, se entregaron as chaves á persoa responsable. Cómpre recordar que están exentos desta obriga os aparcadoiros de uso exclusivo para clientes de establecementos comerciais que teñan sistemas de control de acceso e cun horario que coincida co do establecemento. Se o aparcadoiro é rotatorio debe constar no xustificante /resgardo o día, hora e minuto de acceso.
  • Devolver ó portador do xustificante o vehículo no mesmo estado no que foi entregado. Neste punto cómpre recordar que os accesorios non fixos e extraíbles como poden ser os teléfonos móbiles ou os radiocasetes teñen que ser retirados do vehículo polos usuarios, non alcanzado ó titular do aparcadoiro a responsabilidade sobre a súa restitución.
  • Indicar claramente os prezos, horarios e normas de uso e funcionamento de aparcadoiro.
  • Ter a disposición das persoas usuarias follas de reclamación.

A empresa ten a obriga de responder polo danos que sufran vehículo ou usuario durante o tempo de ocupación:

  • Danos persoais debido ó mal estado ou mal mantemento das instalacións.
  • Danos ó vehículo por inundacións por rotura de tubarías, desprendementos.
  • Danos por roubo no vehículo como poden ser rotura de cristais, desaparición do vehículo. Atención, se o aparcadoiro dispón de consignas responsabilízase dos obxectos que se deixen nas mesmas pero non daqueles que quedaran no interior do vehículo.

En caso de roubo, danos ou calquera incidencia no vehículo hai que poñer a correspondente reclamación no momento de retirada do coche e procurar gardar a copia do xustificante ou tícket do estacionamento.

Obrigas do/a usuario/a do aparcadoiro

  • Aboar o prezo fixado para o aparcadoiro nas condicións acordadas.
  • Mostrar o xustificante/resgardo do aparcadoiro. No caso de perda, acreditar o seu dereito sobre o vehículo para poder retiralo.
  • Declarar naqueles aparcadoiros que conten cun servizo especial de garda os accesorios especiais e enseres que están no vehículo, estacionar e depositalos nos postos indicados a tal efecto, e observar as prevencións establecidas para estes casos polo particular do aparcadoiro.
  • Seguir as normas e instrucións do responsable do aparcadoiro respecto ó uso e seguridade do mesmo, os seus empregados e usuarios.

Deixa unha resposta