Crece a fenda dixital entre municipios comprometendo o desenvolvemento futuro dalgunhas zonas 

5/12/2016
  • Os concellos miran aos mozos. Apps para o móbil e RRSS cobran protagonismo

ADECES (Asociación Pro Derechos Civiles Económicos y Sociales), AI (Asociación de Internautas) e UCGAL (Unión de Consumidores de Galicia) realizaron, entre os meses de febreiro-outubro de 2016, o II Estudo sobre e-administración local en 49 concellos representativos das 17 comunidades autónomas, independentemente da súa adscrición política.

Máis aló das cifras que deixa, o realmente relevante é que a e-administración local pretende aproximarse aos cidadáns máis novos mediante o uso das Apps móbiles e a comunicación a través das RRSS (o cómputo global ascende a 279). Con todo, ao lado deste significativo cambio, outro tan importante ou máis emerxe entre os datos do II Estudo: a fenda dixital entre concellos é unha gran sima con transcendencia social e económica porque pode comprometer o desenvolvemento dalgunhas destas zonas. Entre o consistorio con máis e-administración e o que menos hai 338 trámites telemáticos de diferenza.

Conclusións sobre a e-administración local 

Eadministración

1. É imprescindible para incrementar a confianza dos usuarios e, xa que logo, o uso dos servizos telemáticos, reforzar o compromiso da e-administración local coa seguridade, e garantir a protección de datos. Materias nas que é preciso que todas as institucións se comprometan.

2. É preciso dotar aos portais dos concellos dunha sistemática que facilite a localización e tramitación dos servizos. Neste sentido é recomendable crear un catálogo xeral de trámites. De igual modo, na Sede Electrónica, resulta primordial incluír a relación de todos os servizos telemáticos dispoñibles para facilitar a xestión dos usuarios.

3. A forma de identificación telemática presente en todas as sedes é o DNI-e e o certificado dixital. A tarxeta cidadá atópase no 22% das oficinas virtuais examinadas e as Apps para o móbil no 51%. A identificación a través de usuario e contrasinal sitúase no 35%.

4. Vías para realizar trámites: os métodos telemáticos están en tódolos concellos estudados, á altura do sistema presencial; superando ao teléfono (convencional ou 010) que alcanza o 75%. Ao móbil recorren o 53% dos municipios e ao correo electrónico o 41%.

5. O número total de trámites que ofrecen aos seus cidadáns os 49 consistorios avaliados son 8.557 (100%), o 48,7%, é dicir 4.167, son Servizos Telemáticos Totais (STT), dirixidos a persoas físicas ou xurídicas. Nesta definición inclúense aquelas tramitacións que se poden realizar de forma completa a través da e-administración, ou ben, empezarse online e terminalas por outro medio (presencialmente, por correo postal, etc.).

Por encima da media (85), atópanse, Zaragoza (350), Madrid (328), Valencia (313), Cartaxena (217) e As Palmas de Gran Canaria (216) concellos que ofrecen o maior número de STT. No lado contrario atópanse Córdoba, Segovia, Murcia, Lugo, Ourense, Soria, Menorca, Guadalaxara, Zamora e Palencia entre os 30 e os 12 STT.

6. Dos STT, o 86%, é dicir 3.595, son Servizos Telemáticos aos cidadáns (STC), 16 concellos colócanse por encima da media (73), cun rango que vai dos 283 de Zaragoza aos 78 de Eivissa. Por baixo dos 30 STC, atópanse 11 municipios: Burgos, Segovia, Córdoba, Murcia, Lugo, Ourense, Soria, Menorca, Zamora, Guadalaxara e Palencia (12).

7. O total de canles de atención ao cidadán habilitados polos 49 portais municipais para facilitar a comunicación cos cidadáns é de 245, a media é de 5 canles por municipio. O teléfono fixo (98%) é a canle máis informada desde as webs municipais. Séguelle a atención presencial e o formulario online cun 92% e 86% respectivamente.

O Concello de Bilbao (8) e Barcelona, Donostia SS, Madrid, Murcia e Valencia (todos eles con 7) son os consistorios que informan dun maior número de canles. No lado oposto, con 3 canles Alacante, Huesca, As Palmas de Gran Canaria e Pontevedra.

8. O número total de idiomas que rexistran os portais municipais é de 209, en consecuencia a media é de 4,3 idiomas por municipio. Os idiomas con maior presenza nos portais municipais son: castelán (49), inglés (44), francés (30) e alemán (21).

Valencia con doce idiomas, seguida de Madrid e Zaragoza ambas con nove son as cidades que dan máis importancia á presenza das distintas linguas. Tanto como as linguas, chama a atención a ausencia das mesmas en municipios cunha forte implantación turística, como Cádiz.

9. O 90% dos concellos ofrecen enlaces para conseguir o certificado dixital ou DNI-e. O 100% permiten realizar descargas, consultas, suscitar queixas, suxestións ou reclamacións; pero iso non garante a calidade nin a rapidez das respostas. Esta é fariña doutro costal.

10. Dos 18 servizos específicos comúns analizados, os concellos suman case 420, cunha media de 8,5. Os municipios con máis servizos específicos oscilan entre 14 de Barcelona e Bilbao e os 17 de Madrid. Os que menos entre 2 e 4.

Entre estes servizos hai algúns que se prestan no 98% dos concellos, como o certificado ou volante de empadroamento. Pero hai outros que só se prestan no 6% ou o 12%, como a solicitude dunha residencia para maiores ou a de teleasistencia domiciliaria.

11. Todos os concellos están adscritos ás RRSS, que suman 279. O número medio é de 5,7 por municipio, oscilando entre un máximo de 12 (Tarragona) e un mínimo de 2 (Badaxoz, Cidade Real e Guadalaxara). As máis populares TWITTER e FACEBOOK están presentes no 100% dos municipios.

12. En canto á calidade e ao tempo de resposta fronte ás consultas suscitadas na proba práctica por correo electrónico ou formulario, contestan o 92% dos municipios, dos cales o 69% fano en 24 horas e o 31% por encima dese prazo. Só o 24,5% dos concellos facilitan un número de referencia da consulta recibida.

Ler II Estudo sobre e-administración local

Deixa unha resposta