As eléctricas ‘conspiran’ para deixar sen luz a unha familia

16/01/2016

  • Teñen que durmir nun hotel porque levan máis dunha semana sen luz e gas

UCGAL está a xestionar a reclamación dunha familia compostelá que leva desde o pasado 7 de xaneiro sen luz por culpa da mala xestión de Endesa Enerxía, SAU; Gas Natural Servicios SDG, S.A e Unión Fenosa Distribución, S.A.

A familia, cliente fiel de Endesa Enerxía, SAU, empresa coa que tiña contratados os servizos de luz e gas, optou por aceptar unha oferta comercial de Gas Natural Servicios SDG, SA. Como parte do cambio solicitou a Endesa a non renovación da póliza do servizo de mantemento da caldeira que tiña asociada ó subministro de gas. Mentres esperaban a que se fixese o cambio de comercializadora dos subministros de luz e gas para Gas Natural Servicios; Endesa non só deu de baixa o servizo de mantemento da caldeira senón que lles cancelou o subministro de luz e de gas.

Este corte do subministro supón unha actuación non só irregular senón de todo punto ilegal porque a empresa distribuidora, neste caso Unión Fenosa Distribución, S.A, procedeu ao precintado da instalación en contra das prohibicións establecidas na lei que impide realizar o corte antes do transcurso de 5 días hábiles desde que Endesa lles comunicou a orde irregular de corte.

A incompetencia destas dúas empresas deixa atónita a esta organización. Xa non só non son quen de cumprir có seu cliente senón que actúan fóra da legalidade forzando a unha familia a abandonar o seu fogar con tódolos prexuízos que esta situación lles está a causar, xa que levan días comendo fóra da casa e durmindo nun establecemento hostaleiro.

Non son as únicas. Gas Natural Servicios está a proceder con inusitada lentitude á hora de tramitar a alta do subministro de luz. A demora na prestación do servizo é indignante e, consultada ó respecto, a empresa non é quen de concretar un prazo para a alta. Esiximos que Gas Natural Servicios axilice o trámite para que se proceda a prestar servizo a unha familia que non debería ter que durmir nin un día máis fóra da casa.

Ante a gravidade da situación, UCGAL emprenderá accións legais contra Endesa Enerxía, SAU; Gas Natural Servicios SDG, S.A e Unión Fenosa Distribución, S.A. Ningunha delas quere asumir responsabilidades pero todas están a vulnerar flagrantemente a lei.

Para Unión de Consumidores de Galicia, problemáticas como a que está padecendo esta familia compostelá son inadmisibles pero, por desgraza, máis comúns do que parece e seguirán a producirse mentres os nosos gobernos permitan a consolidación de políticas e prácticas que ao tempo que maximizan os beneficios do sector permiten botar á xente das súas casas.

Deixa unha resposta