Dolores Chapela: “Existen moitas dificultades para interpretar os elementos que compoñen a factura e os conceptos polos que pagamos.”

17/11/2017

Nestas semanas Dolores Chapela, coordinadora da Unión de Consumidores de Galicia para a provincia de Pontevedra, está a percorrer a provincia impartindo os talleres formativos ‘Descifrando o enigma da factura eléctrica’. Falamos con ela para coñecer un pouco mellor estas actividades e o funcionamento da factura, un enigma para moitos consumidores galegos que os técnicos e técnicas da UCGAL axudan a resolver.

Dolores ChapelaNa Unión de Consumidores de Galicia consideran que existe un descoñecemento xeralizado sobre a factura da electricidade?

Sen dúbida, existe un alto grao de descoñecemento entre as persoas consumidoras malia mostrarse moi preocupadas polos incrementos na factura eléctrica. Constatamos que existen moitas dificultades para interpretar os elementos que compoñen a  factura e os conceptos polos que pagamos, así como unha cousa tan simple como coñecer con que compañía temos contratada a electricidade.

Tan complexo resulta comprendela?

Mais que complexo eu diría que resulta confuso comprender a factura da luz  debido á terminoloxía e ás abreviaturas que se empregan, ós cambios normativos no sector eléctrico, etc. Bastaría con facer un pouco de pedagoxía entre as persoas consumidoras para que aprendan a entender a súa factura. Iso lles permitiría manexarse mellor á hora de contratar o subministro de electricidade e, por outra banda, aforrar na factura da luz.

Nos últimos anos UCGAL detectou un aumento das reclamacións en materia de subministración eléctrica? De ser así, a que achacan este aumento?

En realidade existe moita confusión en todo o que rodea a factura da luz: normativa complexa, terminoloxía, cambios constantes no sector, etc.  Ademais, coa liberalización do sector prodúcese unha entrada de novas compañías comercializadoras que compiten para captar clientes a través de campañas agresivas e con ofertas comerciais que non son tan beneficiosas como parecen (tarifas planas, descontos, renovacións automáticas, servizos adicionais que encarecen a factura, permanencias). Esta confusión existente no mercado e o alto grao de descoñecemento por parte das persoas consumidoras provocou un aumento no número de reclamacións neste ámbito.

Sobre os tipos de mercado que existen, o regulado e o libre, cal é a mellor opción para un consumidor?

A día de hoxe a mellor opción para contratar o subministro eléctrico é o mercado regulado. Esta non só é a opinión defendida desde a UCGAL, senón que tamén así é manifestada desde a CNMC e o propio Ministerio de Industria, Turismo y Agenda Digital. O mercado regulado ofrece un prezo máis baixo e unha maior protección dos nosos dereitos como consumidores ao tratarse dunha tarifa regulada polo goberno, fronte ao mercado libre onde son as propias compañías as que establecen unilateralmente os prezos e condicións no contrato.

Ademais, só aquelas persoas consumidoras que pertenzan ao mercado regulado poden beneficiarse do bono social que supón un importante desconto na factura.

Sempre se fala do aforro na factura eléctrica pero como se pode acadar e canto poderíamos chegar a aforrar anualmente?

Existen distintas posibilidades que nos permitirán acadar aforros na nosa factura da luz. A escolla da modalidade de contratación máis axeitada é unha delas. O mercado regulado a través do Prezo Voluntario ao Pequeno Consumidor (PVPC) ofrece uns prezos máis competitivos que nos permitirán obter un aforro no importe da nosa factura. En segundo lugar, podemos aforrar coa potencia contratada, contratando un tramo de potencia que se axuste o máximo posible ás necesidades da vivenda, xa que con só reducir un tramo de potencia contratada conseguiremos aforrar ao ano máis de 60 euros. En terceiro lugar, existen posibilidades de aforro a través da tarifa, xa que a contratación dunha tarifa de discriminación horaria pode levar a un aforro anual dun 35% para os usuarios que dispoñan de calefacción eléctrica.

Xunto a estas tres cuestións que nos permitirán obter un aforro en termos anuais considerable, non podemos esquecer a posibilidade de escoller para o noso fogar equipos e instalacións eléctricas máis eficientes que permitan un aforro no consumo.

Os talleres formativos comezaron o pasado luns 13 de novembro e rematarán o 23 do mesmo mes, cantos obradoiros van levar a cabo? Colaboran con algunha outra asociación?

Neste mes de novembro vanse levar a cabo 12 talleres nas localidades de Vigo, Pazos de Borbén, Ames, Cangas, Moaña, Arzúa, Santiago, Amoeiro, Marín, Pontevedra e Ourense. Serán talleres eminentemente prácticos e estarán encamiñados a identificar e coñecer os dereitos das persoas consumidoras e usuarias no ámbito do sector eléctrico, e facéndose especial fincapé nos cambios introducidos na regulación do bono social.

Para a realización destes talleres contamos coa colaboración de FADEMGA Plena inclusión Galicia, en concreto nos talleres que se celebrarán en Vigo, Pazos de Borbén e Ourense.

Os cambios no bono social é un tema de especial interese para unha boa parte da poboación. Quen pode solicitalo e cales son os seus beneficios?

Un dos cambios máis significativos da nova regulación do bono social é a introdución de criterios de renda para definir o consumidor vulnerable, así como ampliación da cobertura a novos colectivos. Poderán solicitar o bono social os consumidores vulnerables que sexan titulares dun punto de subministro na súa vivenda habitual, que estean acollidos ao PVPC e que cumpran certos requisitos como pode ser estar en posesión do título de familia numerosa ou posuír unha pensión do sistema da Seguridade Social de xubilación ou incapacidade permanente cunha contía mínima.

Os beneficiarios do bono social terán dereito a un desconto do 25% en todos os termos da súa factura do PVPC. O desconto amplíase ao 40% para os consumidores vulnerables severos cando se cumpran as condicións de renda establecidos na normativa. Ademais, aqueles consumidores que cumpran os requisitos para ser consumidores vulnerables severos e sexan atendidos polos servizos sociais serán considerados consumidores en risco de exclusión social, o que supón que non terá que abonar o importe da factura, e o seu subministro non poderá ser interrompido.

É habitual ler informacións sobre comerciais que chaman á porta e cuxas técnicas de venda son agresivas ou, ás veces, directamente fan cambios de comercializadora ou de mercado sen que o usuario o saiba. Que facer cando un comercial peta na porta?

É importante ter en conta que estamos en moitos casos ante comerciais de empresas do mercado libre que utilizan técnicas agresivas para captar novos clientes, chegando incluso a ameazar ou coaccionar ás persoas consumidoras. A recomendación desde a UCGAL é que non se acepte ningunha proposta, nin se faciliten datos persoais, bancarios ou copias das facturas ou do contrato. Se queremos estudar a oferta que nos propoñen, solicitaremos que a deixen por escrito pero nunca se debe asinar ningún documento. En caso de sentirse presionado ou coaccionado, non dubiden en chamar a un axente da autoridade ou interpor a correspondente denuncia. Nestes casos non hai que deixarse intimidar polos comerciais, e en caso de dúbidas sobre a oferta presentada, que busquen asesoramento e poderán comprobar que o oferta proposta resulta máis cara. Na UCGAL estamos a disposición das persoas consumidoras para calquera consulta sobre estas prácticas abusivas tan estendidas.

Deixa unha resposta