As estacións de servizo desatendidas non ofrecen garantías ós consumidores

24/08/2017
  • A ausencia de persoal nestes espazos pode implicar graves riscos

Na última semana Estremadura anunciou que aquelas instalacións de subministro de combustibles de automoción que non conten con polo menos un empregado entre as 7:00 horas e as 22:00 horas incorrerán nunha infracción grave polo que serán castigadas con multas que oscilan entre os tres mil e os quince mil euros ó non cumprir co Estatuto dos Consumidores desa comunidade autónoma.

Estación de servizo

En Galicia a situación é ben diferente xa que non parece que as estacións de servizo desatendidas representen un problema malia que diversas entidades e asociacións –entre elas UCGAL- trasladaron a súa preocupación por uns espazos que incumpren os principios e normas que rexen as garantías dos dereitos dos consumidores galegos. Desde a Xunta afirman que non hai necesidade de cambiar a regulamentación xa que “as estacións de autoservizo autorizadas en Galicia cumpren coa normativa básica estatal aprobada nesta materia”. Con todo, é deber desta organización puntualizar que as estacións destas características non cumpren coa normativa galega de consumo.

No resto do país a proliferación de estacións de servizo desatendidas e a súa negativa incidencia nos dereitos das persoas consumidoras motivou iniciativas reguladoras en distintas Comunidades Autónomas, un proceso que se traduciu na obrigatoriedade de que estes espazos contasen coa presenza de, cando menos, un traballador para atender ós usuarios e garantir a seguridade nas instalacións. Estremadura foi a última en sumarse a unha lista na que xa están Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Castela A Mancha, Madrid, Murcia, Navarra e Valencia.

A introdución de condicións específicas na comercialización do combustíbel e a súa subministración articulouse de xeito diferente en cada Comunidade Autónoma pero entre os argumentos que manexaron para establecer a obrigatoriedade de contar con polo menos un empregado sempre atopamos a seguridade, os dereitos das persoas consumidoras e a defensa dos postos de traballo.

En opinión desta organización, nas estacións de servizo de combustíbel desatendidas non se garanten os dereitos das persoas consumidoras e usuarias e, en especial, os dos consumidores vulnerables e os das persoas con discapacidade*. Este modelo non só é rexeitado por asociacións de consumidores como a UCGAL senón tamén por sindicatos, empresas do sector como a Confederación Española de Estaciones de Servizo (CEEES) e por asociacións de persoas con discapacidade.

Para UCGAL non cabe discusión á hora de falar da necesidade de que as estacións de servizo contén con persoal, trátase de instalacións onde se manipulan produtos perigosos e que se rexen por unhas normas específicas no relativo á seguridade e á protección medioambiental que só poden ser certificadas e levadas a cabo por persoal debidamente formado. Un persoal que pode actuar rápida e axeitadamente ante calquera incidencia, que está preparado para dar unha resposta operativa, que vixía e controla que os usuarios atendan ás recomendacións e disposicións existentes en materia de seguridade. Un consumidor medio non pode actuar ante un vertido ou fuga dunha mercancía perigosa, inflamable e contaminante porque non coñece o procedemento específico para esas situacións. Se ninguén supervisa o espazo non se pode garantir que se fai un bo uso da instalación ou que se cumpren as normas de seguridade.

E hai máis problemáticas a ter en conta, os consumidores non poderían verificar que se fornecen as cantidades indicadas nos surtidores, nin poderían pedir unha factura, nin requirir axuda se é que a precisan, nin solicitar unha folla de reclamación. Para evitar esta vulneración dos dereitos das persoas consumidoras é preciso regular o réxime de atención ós usuarios nas estacións de servizo impoñendo a presenza de persoal nas mesmas.

Con todo, esta entidade considera que non é tarde para que que se artelle unha regulación que permita o respecto íntegro dos dereitos das persoas consumidoras, e consecuentemente limite ou impida o exercicio da actividade nas estacións desatendidas.


* No Real Decreto Lexislativo 1/2013, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, establece que “tódalas persoas físicas ou xurídicas que, no sector público ou no privado, subministren bens ou servizos dispoñibles para o público, ofrecidos fora do ámbito da vida privada e familiar, estarán obrigadas nas súas actividades e nas transaccións conseguintes, ao cumprimento do principio de igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade, evitando discriminacións directas ou indirectas, por motivo de ou por razón de discapacidade”.

Deixa unha resposta