Máis dun 80% dos galegos considera que hai destinos turísticos masificados na nosa comunidade

25/04/2018
  • As persoas participantes neste estudo opinan que a principal vantaxe relacionada coa actividade turística é o aumento dos postos de traballo

Presentación Estudo Opinión Turismo 2

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, acompañado pola presidenta da Asociación Hostelería Compostela, Sara Santos, presentou esta mañá o ‘Estudo de opinión sobre o impacto do Turismo en Galicia’, un traballo que xorde das máis de setecentas enquisas que UCGAL levou a cabo durante o último trimestre de 2017.

O estudo aporta a visión que galegas e galegos teñen sobre a actividade turística na nosa comunidade. Durante a súa intervención, Miguel López, fixo fincapé na importancia de elaborar sondaxes de opinión que recollan o sentir da sociedade arredor de cuestións que non lle son alleas como a taxa turística, a masificación dos espazos públicos ou a xentrificación.

O secretario xeral da UCGAL recordou que a cifra de visitantes que recibe Galicia case duplica o número de habitantes da comunidade. “O impacto deses turistas xa se deixa notar en cidades como Santiago ou espazos naturais como as Cíes”, explicou. Neste contexto, non é de estrañar que un 84% dos enquisados considere que hai destinos turísticos masificados ou que un 81,5% estea a favor de implantar medidas para controlar o fluxo de turistas en certos espazos da xeografía galega.

Malia esas cifras, máis da metade dos participantes no estudo (53,24%) valoran como ‘axeitado’ o número de turistas que cada ano visitan Galicia. A xuízo da UCGAL este dato parece apuntar a que, de momento, nos movemos en valores ideais.

Preguntadas polas vantaxes relacionadas coa actividade turística, as persoas participantes consideran que as principais son o aumento dos postos de traballo e saídas laborais (73%), a revalorización do patrimonio (48%) e o aumento da oferta de lecer e restauración (46%). Entre os resultados chama a atención a elevada porcentaxe de enquisados (45%) que valoran positivamente o enriquecemento cultural pola interacción entre residentes e visitantes.

Así mesmo, entre os inconvenientes máis votados pola cidadanía están a conxestión dos espazos públicos (un 72%), os danos ó medio ambiente (60%) e o ruído e polución (44%). Neste apartado, a xentrificación, aparece en cuarto lugar cun 36%, dato que evidencia o avance desta problemática en Galicia.

Para finalizar, UCGAL destaca que existe un amplo consenso social sobre a necesidade de que os axentes implicados no desenvolvemento da actividade turística incrementen a calidade da mesma, de procurar a desestacionalización do fluxo de visitantes e de promover a participación da poboación local na toma de decisións referentes ó desenvolvemento turístico.


Ler ‘Estudo de opinión sobre o impacto do Turismo en Galicia’

Deixa unha resposta