O 97% dos galegos e galegas considera que a etiquetaxe dos produtos lácteos debe indicar obrigatoriamente a orixe do leite

19/04/2017
  • 1.414 persoas participaron nesta consulta deseñada por UCGAL, UU.AA e SLG

O secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, presentou esta mañá en Santiago de Compostela os resultados extraídos da enquisa sobre a etiquetaxe dos produtos lácteos, nun acto no que tamén participaron o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, e a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba.

A enquisa forma parte dunha estratexia de post a en valor do sector lácteo na que traballan xuntamente Unión de Consumidores de Galicia e ambas as dúas organizacións agrarias. UCGAL entende que o traballo conxunto entre produtores e consumidores, representantes dos extremos da cadea de valor do leite, axudará a por en valor o produto e a mellorar a información que sobre a orixe do leite e a sustentabilidade económica das explotacións están a recibir as persoas consumidoras.

Os tres secretarios xeraisUn total de 1.414 persoas, das cales máis de 1.300 residen en Galicia, participaron nesta consulta en liña. Os resultados amosan a preocupación dos galegos e galegas por acceder á información sobre a orixe do leite, 97 de cada 100 galegos preguntados ó respecto considera que indicar a orixe do leite na etiqueta debería ser obrigatorio.

Os datos recollen non só a preocupación da cidadanía pola orixe senón que tamén reflicten que a actual etiquetaxe dos produtos lácteos resulta incomprensible para boa parte da poboación (32%) e complicada de entender para case un 45%. Para as entidades promotoras desta consulta estas cifras resultan moi preocupantes xa que atinxen á comprensibilidade da información que reciben as persoas consumidoras, un dos dereitos fundamentais que lles confire o ordenamento xurídico. A xuízo das tres entidades, estas carencias deben ser abordadas de forma seria e decidida por parte de todos os axentes que interveñen na cadea de valor dos produtos lácteos e principalmente pola propia administración.

Preguntados polas mencións que ó seu parecer deberían figurar na etiquetaxe dos produtos lácteos e en que medida deberían incluírse, o 95% dos galegos e galegas consideran que a información sobre a orixe do ingrediente principal dos produtos lácteos e o procesado dos mesmos debería incluírse con carácter obrigatorio. Consideran así mesmo que debera incluírse obrigatoriamente a indicación sobre o lugar de envasado do produto o 89% dos participantes no estudo. Por último, tres de cada catro persoas consumidoras galegas consideran que a información sobre a alimentación que recibe o gando e o reparto, entre os distintos elos da cadea, do prezo que pagan tamén debería indicarse obrigatoriamente.

A xuízo da Unión de Consumidores de Galicia, estas cifras contrastan e desbaratan de forma rotunda as opinións daqueles que avogan abertamente por un modelo de indicacións voluntarias sobre a orixe dos ingredientes principais dos alimentos.

O contexto temporal no que se anuncian os resultados desta enquisa non podería ser máis atinado xa que acaba de presentarse o borrador do proxecto de Real Decreto relativo ó etiquetado da orixe do leite como materia prima do leite e dos produtos lácteos, un texto que a xuízo dos representantes dos consumidores galegos non debera desaproveitarse para dar resposta a unhas demandas que, como as que se extraen do estudo hoxe presentado, representan a vontade case unánime da cidadanía galega; unhas demandas que por outra banda non son máis que unha consecuencia da aplicación práctica duns dereitos que como persoas consumidoras lles corresponden.

Resultados Estudo Etiquetaxe do Leite

Deixa unha resposta