Éxito de participación na xornada sobre as cláusulas chan e os gastos hipotecarios

12/01/2017
  • Máis de setenta persoas abarrotaron o salón de plenos do Concello de Ames

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames quedou pequeno para acoller este pasado mércores a xornada informativa sobre as cláusulas chan e os gastos hipotecarios, que impartiron os técnicos da Unión de Consumidores de Galicia. Esta actividade centrouse en axudar á veciñanza amesá a despexar as súas dúbidas sobre as cláusulas chan e o impacto que a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ten sobre a devolución dos importes cobrados indebidamente.

20170111_215657

Esta xornada informativa pretendía achegar á veciñanza información actualizada e veraz sobre as cláusulas chan e as opcións que teñen as persoas afectadas por esta fraude masiva. Máis de setenta persoas asistiron á xornada, a primeira dunha serie de actividades que UCGAL desenvolverá nos vindeiros meses para achegar á cidadanía información sobre as súas opcións ante unha cláusula chan.

A charla foi impartida polo secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, o avogado Félix Caramés Blanco e a avogada Ana Daorden Porto. O equipo da UCGAL deu resposta a todas as dúbidas e inquedanzas plantexadas polos veciños e veciñas.

Asemade, por parte do goberno municipal asistiron o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Promoción Económica, Isabel González. Tamén asistiu o técnico municipal, Jorge Couñago.

Asistentes á charla

Consultas individualizadas de cada caso
Debido ao grande interese que espertou este tema entre os veciños e veciñas de Ames, Concello e UCGAL indican que é preciso solicitar cita previa para que cada persoa poida acudir ás oficinas que ten a Unión Galega de Consumidores tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.

Os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os luns de 10:00 a 14:00 horas, e os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os mércores de 16:30 a 20:30 horas, e os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Tamén se pode pode chamar para solicitar información e pedir cita previa ao número de teléfono 662 13 03 12.

Deixa unha resposta