A factura, un dereito básico das persoas consumidoras

15/04/2019
  • “A factura, con ou sen IVE?” Segue a ser unha pregunta demasiado común

FacturaDurante os últimos meses a Unión de Consumidores de Galicia constatou un aumento das consultas relacionadas coa prestación de servizos en determinadas profesións liberais como poden ser odontólogos, psicólogos e demais profesionais médicos que exercen no ámbito privado. Na meirande parte dos casos as consultas estaban relacionadas coa expedición de facturas que acreditasen a prestación dun servizo posto que o consumidor ou ben non recibiu a pertinente factura, ou ben tivo problemas á hora de solicitala.

O certo é que son moitos os consumidores que tiveron experiencias similares: Cantas veces quedaron sen a factura dun produto ou servizo? Cantas veces lles preguntaron se querían a factura con ou sen IVE?

Para UCGAL estas prácticas supoñen un agravio para as persoas consumidoras e usuarias cunha dobre vertente. Por unha banda, estamos ante prácticas que poderían circunscribirse ao ámbito da fraude fiscal, problemática que afecta á sociedade en conxunto; e, pola outra, xéranse situacións nas que os consumidores quedan desamparados legalmente ao non ter o pertinente documento acreditativo da prestación dun servizo ou a compra dun produto.

Esta entidade leva anos insistindo na importancia de solicitar o tícket ou factura nas relacións de consumo e recalca, unha vez máis, o necesario que é que as persoas consumidoras e usuarias exerzan os seus dereitos. Polo que, se requiren un servizo e non lle queren dar a correspondente factura, poden e deben denunciar esta situación non só porque sen factura están desprotexidos como consumidores, senón tamén porque o profesional en cuestión debe facer fronte ás implicacións fiscais dependentes do seu réxime tributario.

Dada a relevancia social desta situación, UCGAL prepara consultas informativas sobre este particular ao tempo que solicitará á Axencia Tributaria extremar a vixilancia para evitar estas prácticas.

Deixa unha resposta