FEDEPESCA e a Asociación de Minoristas do Porto da Coruña asinan un convenio de colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia

22/12/2017
Firma Convenio

Mª Luisa Álvarez, Directora Xerente de FEDEPESCA ; Amando López Gil, Presidente da Asociación de Minoristas do Porto da Coruña e Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia

  • Entre os obxectivos deste convenio encóntrase fomentar o consumo dos produtos pesqueiros e o coñecemento do seu comercio especializado

O día 21 de decembro, Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia; Amando López Gil, Presidente da Asociación de Minoristas do Porto da Coruña e Mª Luisa Álvarez, Directora Xerente de FEDEPESCA  asinaron un convenio de colaboración co fin de establecer liñas de traballo entre as entidades no eido do Consumo e a Alimentación dos produtos pesqueiros e acuícolas.

Miguel López sinalou a importancia deste convenio de colaboración no sentido de “establecer información e formación en materia de Consumo ós consumidores en tanto ó que respecta a un tema tan importante como o é o consumo de peixe”. Igualmente López destacou a “total implicación de FEDEPESCA a emprender este camiño xuntos e, por isto, desde a Unión de Consumidores de Galicia valoramos a disposición desta entidade cara ós consumidores”.

Así mesmo, Mª Luisa Álvarez desde FEDEPESCA, destaca a importancia que para os detallistas especializados na venda de produtos pesqueiros ten colaborar moi activamente cos representantes dos consumidores de cara a mellorar a información que teñen sobre o peixe e aclarar tódalas cuestións respecto ós produtos que venden os peixeiros profesionais, así como poder contar con esta organización para “coñecer mellor as demandas do consumidor galego e poder atender todas as súas necesidades”.

Amando López, Presidente da Asociación de Minoristas do Porto da Coruña, resalta a importancia do asociacionismo, e polo tanto a firma deste convenio como medio para fomentar o mesmo na súa Comunidade Autónoma, así como o labor do “comercio especializado na venda de produtos pesqueiros galegos que está a realizar nestes momentos importantes campañas de promoción”. Recordou o presidente dos minoristas galegos que o ámbito da súa organización é autonómico e que os consumidores poden contar coa súa asociación para mellorar o seu coñecemento do peixe en toda Galicia.

Entre os compromisos acadados entre estas organizacións encóntrase a realización, entre outras, de accións como o intercambio de información sobre os asuntos que consideren de interese, o traballo conxunto en proxectos orientados ó mercado pesqueiro, o desenvolvemento de estratexias nutricionais encamiñadas á mellor da alimentación dos cidadáns co peixe como protagonista, o impulso dunha alimentación saudable que mellore a calidade de vida, así como deseñar campañas orientadas a promover e difundir os beneficios nutricionais dos produtos pesqueiros entre os consumidores, realizar actividades para o fomento do asociacionismo e achegar o comercio especializado na venda de produtos pesqueiros ós consumidores.

Deixa unha resposta