Se te ves afectado/a pola folga de Renfe coñece os teus dereitos

31/07/2019

Hoxe deu comezo a folga dos servizos de Renfe convocada pola Confederación Xeral do Traballo. Trátase do primeiro dos catro días de paro que afectarán a milleiros de pasaxeiros en todo o territorio nacional. Este paro desenvolverase en dúas quendas: de 12:00 a 16:00 horas e de 20:00 a 24 horas.

Tren Renfe

A folga deste mércores supón a cancelación de 24 trens na nosa comunidade autónoma, seis de longa distancia e 18 de media distancia. Entre os trens afectados está a conexión en tren-hotel entre Galicia e Madrid e o enlace que une Vigo con Oporto. Igualmente veranse afectadas unha decena de liñas entre A Coruña e Vigo e tampouco será posible facer uso das conexións entre Ferrol e A Coruña, e Lugo e Ourense.

As vindeiras datas de folga serán o 14 de agosto, o 30 de agosto e o 1 de setembro. En total cancelaranse 1.152 trens en toda España, 707 de transporte de pasaxeiros.

A normativa recolle que o transportista queda exento dos atrasos ou cancelacións derivados de casos de forza maior. O que debemos ter claro como persoas consumidoras é que unha folga non pode considerarse circunstancia excepcional ou de forza maior. 

Cales son os nosos dereitos en caso de cancelación

As persoas afectadas polas cancelacións teñen dereito á devolución do importe do billete. No caso de que a cancelación se produza nas 48 horas previas ao inicio da viaxe a empresa ferroviaria debe proporcionar ou ben un transporte alternativo en condicións equivalentes, ou ben a devolución do importe do billete. No caso de informar da cancelacións nas 4 horas previas ao inicio da viaxe, a persoa afectada terá dereito a unha indemnización do dobre do prezo do billete.

Atraso

Se o tren chega con atraso a destino e non é por causas de forza maior a indemnización será do 50% se o atraso é superior a 60 minutos e do 100% se supera os 120 minutos.

Aloxamento, comida e bebida

O Regulamento Europeo 1371/2007 establece os dereitos de asistencia das persoas afectadas por un atraso na súa viaxe en tren. O artigo 18 especifica que a empresa ferroviaria debe manter informados aos viaxeiros “da situación e da hora estimada de saída e de chegada en canto esa información estea dispoñible”. Así mesmo, se o atraso é superior aos 60 minutos deberá ofrecer gratuitamente: comidas e refrixerios, aloxamento nun hotel e transporte entre a estación e o hotel; se o tren se atopa bloqueado nunha vía deberá facilitar o transporte desde o tren ata a estación, ou ata o lugar de partida alternativo ou ata o destino final do servizo sempre e cando sexa posible.

A equipaxe

A responsabilidade da empresa ferroviaria polos danos ou perdas de equipaxes facturadas será de 14,50€ por kg que falte ou sufra danos ata unha cantidade máxima de 600€ por viaxeiro/a, cantidade que será actualizada anualmente segundo o IPC.

O compromiso voluntario de Renfe

Renfe asume un compromiso voluntario de puntualidade coas persoas usuarias dos seus servizos para devolver parte do importe no caso de sufrir un atraso na súa viaxe, incluso naqueles casos nos que sexa aplicable a forza maior.

Para estas xornadas de folga, Renfe ven de lanzar un comunicado no que informa do seguinte:

Aos viaxeiros afectados polos trens suprimidos se lles ofrecerá, sempre que sexa posible, viaxar noutro tren no horario o máis aproximado ao adquirido.

Se non desexan realizar a viaxe, poderán anular ou cambiar para outra data o seu billete sen custe algún. As operacións de anulación ou cambio pódense realizar en tódalas canles de venda de Renfe.

Reclamacións

As empresas ferroviarias deben ter a disposición das persoas usuarias follas de reclamación e facilitar información sobre as formas de poñerse en contacto con elas. As persoas viaxeiras deberán dirixir as súas reclamacións á empresa ferroviaria e esta terá que responder no prazo dun mes salvo naqueles casos nos que informe dunha data de resposta posterior que non poderá superar os tres meses desde a presentación da reclamación por parte do consumidor.

Desde a Unión de Consumidores de Galicia recoméndase a tódalas persoas afectadas pola folga que garden copia dos billetes e facturas dos gastos derivados dos atrasos e/ou cancelacións dos trens para acompañar a súa reclamación.


Máis información de interese: Web Juntas Arbitrais de Transporte

Deixa unha resposta