#FormaciónSenEnganos #FormaciónSenPiratas

19/01/2016

A Consellería de Educación oferta 1112 prazas de Mestres e profesores de secundaria para a convocatoria 2016. Sen dúbida, este anuncio disparou a matriculación en centros de ensinanza non regrada pero tamén propiciou a aparición de centros ‘piratas’ que aproveitan a necesidade formativa das persoas para ofertar cursos e estudos de dudosa calidade. Non é algo de agora, por iso a Unión de Consumidores de Galicia quere recordar que todo alumno de calquera curso de formación non regrada é un consumidor ós efectos da lei[i].

Entendemos que como asociación que vela pola defensa dos dereitos das persoas consumidoras, é importante lanzar un aviso para que aqueles consumidores que demandan formación non acaben en mans destes centros, auténticos piratas do ensino, que recorren a prácticas comerciais enganosas (ofertar prezos moi competitivos, prometer acreditacións que non posúen) para captar alumnos. Ante este panorama non é de estrañar que o número de reclamacións no eido da ensinanza non regrada aumentase nos últimos anos.

As principais queixas dos consumidores son:

  • Problemas para rescindir o contrato ou aberta negativa por parte do centro ou academia
  • Publicidade enganosa
  • Demora na entrega do material

 Recomendacións

– Antes de matricularvos nunha acción formativa buscade asesoramento e solicitade información sobre o contido do curso, os materiais, a plataforma web se é un curso online, a duración, os títulos e certificados que se poden obter, o prezo total desglosado por conceptos de todo o curso e as diferentes formas e modalidades de pago. Os centros de ensinanza están obrigados a facilitar información clara e veraz sobre a validez académica dos cursos que imparte.

– Compre gardar ben e facer copias de toda a documentación: publicidade do centro, contrato e/ou matrícula, pagos. Gardar a publicidade? Si. Por que? Pois porque ten valor contractual e iso significa que o seu contido é de obrigado cumprimento.

– Prestar especial atención as condicións de financiamento. Se vos ofrecen a posibilidade de financiar o curso, ben a través da propia academia ben con outra entidade, examinade ben as alternativas de financiamento e escollede aquela que sexa máis vantaxosa. Revisade o contrato de financiamento antes de asinalo e se tedes algunha dúbida acudide as entidades que prestan asesoramento ós consumidores.

– Aconsellamos non aceptar a modalidade de pago único por curso xa que existen casos nos que os centros de formación pechan deixando ós usuarios sen cartos e sen formación.

– Se o contrato do curso fíxose a distancia ou fóra do establecemento mercantil, por exemplo na vosa casa ou nunha cafetería, tedes dereito a por fin ó contrato no prazo de 14 días naturais desde a firma do mesmo.

– No caso de que xorda un problema ou conflito có centro, podedes interpor unha reclamación usando as correspondentes ‘Follas de Reclamación’ que o centro ten que por, obrigatoriamente, a vosa disposición.

– En caso necesario, é posíbel asistir a Arbitraxe de Consumo.

Os centros de ensino de formación non regrada que actúan dentro da normativa e do marco legal establecido si ofrecen garantías ó consumidor. Por iso aconsellamos apostar polos centros e academias que traballan dentro da legalidade.


[i] Real Decreto Lexislativo 1/2007, de 16 de novembro, polo que se aprueba ol texto refundido de la Lei Xeral para a Defensa dos Consumidores e Usuarios e outras leis complementarias

Deixa unha resposta