Máis de 160 persoas asisten ao I Foro activIDADE sobre alimentación saudable e envellecemento activo

22/11/2018
  • No evento presentáronse iniciativas dirixidas a aumentar o benestar, a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores

Foro activIDADE

A Cidade da Cultura acolleu esta maña o I Foro activIDADE: alimentación e envellecemento activo. Organizado pola Unión de Consumidores de Galicia en colaboración coa Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade e Mercadona, a actividade congregou a máis de 160 persoas que tiveron ocasión de coñecer iniciativas e experiencias centradas na  alimentación, os hábitos de vida saudable e o envellecemento activo.

O secretario xeral da UCGAL, Miguel López Crespo e a Directora de Relacións con Asociación de Consumidores de Mercadona, Clara Medina, inauguraron este evento. López deu a benvida ás persoas asistentes trasladando o seu agradecemento ás entidades colaboradoras e recordando que “envellecer activamente é un proxecto persoal, familiar e social que debemos formular a longo prazo”.

O foro estruturouse en dous bloques ben diferenciados. O primeiro foi unha mesa redonda na que representantes de diversas entidades e da administración compartiron experiencias e boas prácticas na nutrición para unha vida san. Nesta mesa participaron José Carlos Millán Calenti, director do grupo de investigación en xerontoloxía da Universidade de A Coruña; Sabela Couceiro, coordinadora da Área de Envellecemento Activo de Afundación; Mª José Fares, psicóloga na Área de Proxectos de ATEGAL (Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos); Andrés Vázquez, director da Área de Benestar do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e Lara Rodríguez, responsable de proxectos de innovación do Clúster Alimentario de Galicia.

Foro activIDADE 2

Durante o segundo bloque, abordáronse diversos temas a través das intervencións de persoas expertas, axentes sociais, entidades e iniciativas que compartiron os seus puntos de vista sobre novas tecnoloxías, alimentación, innovación e proxectos específicos para persoas maiores. As persoas relatoras foron Marcus Fernández, responsable do diario tecnolóxico Código Cero; Concha Fernández, Concelleira de Políticas Sociais de Santiago de Compostela; María González Rodríguez, dietista e nutricionista do servizo de endocrinoloxía e Nutrición do CHUS; Clara Medina, Directora de Relacións con Asociacións de Consumidores de Mercadona e Loreto Somoza, coordinadora autonómica de Programas de Maiores de Cruz Vermella de Galicia.

A Conselleira de Política Social, Fabiola García, clausurou este primeiro Foro activIDADE facendo fincapé no traballo da administración a prol das persoas maiores e salientando  a importancia da realización de actividades que permitan o encontro e intercambio de experiencias entre axentes, entidades e os nosos maiores.

Expositores

Foro ActivIDADE 3

Durante o evento as persoas asistentes tiveron ocasión de visitar unha serie de expositores de entidades e empresas que traballan en aumentar o benestar, a autonomía e a calidade de vida das persoas maiores como Cruz Vermella, Balnearios de Galicia, Unión de Consumidores de Galicia, Mercadona e  pescadeRías. 

Os máis de 160 asistentes puideron coñecer de primeira man o traballo destas entidades no fomento do envellecemento activo e os hábitos de vida saudables para contribuír á consecución dunha vida activa, independente e segura para as persoas maiores

Deixa unha resposta