A proposta de reforma da norma contra incendios empeora a seguridade da edificación

20/07/2018

Edificios

  • 80% dos inmobles de ata 18 metros poderán usar solucións máis combustibles
  • O 93% do parque susceptible de rehabilitación térmica pode empeorar a seguridade
  • A tendencia comezou en 2011 seguindo a norma menos esixente de Reino Unido

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), a Asociación Pro Dereitos Civís, Económicos e Sociais (ADECES), a Unió de Consumidors de Catalunya (UCC) e a Unión de Consumidores de Euskadi (UCE) dirixíronse ao Ministro de Fomento para mostrar a súa preocupación e chamar a súa atención en torno á proposta de actualización do Documento de Seguridade en caso de Incendio elaborada polos técnicos do Ministerio e que segundo as asociacións é un paso máis na depreciación das esixencias na materia.

Esta actualización permitiría, en caso de aprobarse, que máis do 80% dos inmobles empregasen materiais e solucións máis combustibles e perigosas. Este aspecto resulta especialmente relevante porque o 93% das vivendas son susceptibles de ser rehabilitadas xa que están construídas antes da entrada en vigor do Código Técnico da Edificación (CTE), con pouca ou ningunha esixencia térmica. En consecuencia, a mellora térmica pode conlevar un empeoramento da seguridade da edificación.

A tendencia a devaluar as esixencias comezou coa actualización de 2011. Antes, desde 2006, a norma española estaba alienada coas máis esixentes, permitindo o uso de produtos clase A (A1, A2) ou B[1] .

Agora, a proposta de 2018, baixo o pretexto dunha ausencia de regulación pretende permitir o uso de materiais illantes combustibles e acabados exteriores de clase D en edificios de ata 18 metros de altura, o 80% do parque inmobiliario. É dicir, só dúas letras por riba da peor clasificación posible, F.

Só dous aspectos melloran nesta regulación: regúlanse nos edificios de máis de 28 metros os illantes a empregar para que sexan clase A2 (non contribuír ao lume nin aportar carga de lume). A outra reforma é que se esixe en materiais e acabados exteriores d0 (non producir pingas inflamadas), fronte á d2 anterior, que era a peor clasificación posible. Unha esixencia que xa contemplaban todos os países a excepción do Reino Unido que é a fonte da nosa regulación e que está pendente de revisar a súa normativa logo da traxedia de Grenfell.

Con todo, a proposta agora en estudo, do mesmo xeito que a regulación vixente, é peor que a doutros países con cuxas normas se compara: pola altura a partir da que se aplica, pola regulación dos fumes, s3 (elevada e rápida opacidade) ou pola combustibilidade permitida, ata D.

Francia, Suecia e Finlandia, esixen A2, para todas as alturas con carácter xeral; os nórdicos melloran os fumes ata s1 e Portugal tamén os mellora ata s2. Reino Unido é A2-s3; d2, pero a partir de 18 metros e non de 28 metros como fai a norma española.

Para as asociacións citadas, resulta incomprensible que, abordando a mellora da clasificación das pingas e equiparándoa aos países máis esixentes, non se equipare tamén a combustibilidade (que incluso empeora para a maior parte da edificación) nin se melloren os fumes, sobre todo tendo en conta que son responsables do 75% das mortes en caso de incendio.

Finalmente, a xuízo das asociacións mencionadas, é preciso sinalar que esta depreciación permanente da seguridade entra no ámbito da imprudencia.


[1] Segundo as Euro clases A (A1, A2): produtos que non contribúen ao incendio en ningunha fase ou non o fan de forma significativa nin aportan carga ao lume. B: produtos combustibles, hainos ata F, con potencial enerxético crecente. s3: elevada e rápida opacidade dos fumes; d0: non se producen pingas inflamadas.

Deixa unha resposta