UCGAL alerta de que máis do 90% dos inmobles da oferta de venda e aluguer incumpren a normativa de certificación de eficiencia enerxética

4/06/2019
  • Desde 2013 toda vivenda destinada á venda ou alugueiro debe posuír dito certificado

Certificado enerxético

Co fin de coñecer o grao de cumprimento da actual normativa en materia de certificación de eficiencia enerxética, obrigatoria para inmobles destinados á venda ou arrendamento desde 2013, UCGAL (Unión de Consumidores de Galicia) vén de elaborar o estudo Certificación de Eficiencia Enerxética.

Tras analizar 340 vivendas de diferentes inmobiliarias, os resultados arroxan un dato preocupante: o nivel de aplicación da lei non se cumpre no 93% das edificacións estudadas; ben sexa porque exhibían a letra do Certificado de Eficiencia Enerxética sen ningunha outra información, ben porque aínda se estaba a tramitar. Isto significa que só un 7% da mostra cumpre coa normativa,unha porcentaxe baixa que reflicte tanto a desidia informativa das inmobiliarias como o descoñecemento xeneralizado das persoas consumidoras sobre este tema.

Este estudo, que se enmarca na liña de traballo que UCGAL desenvolve sobre a seguridade das construcións, púxose en marcha coa finalidade de comprobar se a información sobre o gasto enerxético dos inmobles se lle está a facilitar correctamente aos potenciais compradores e/ou arrendatarios.

Neste sentido, o grao de cumprimento nos casos nos que a vivenda se publicitaba a través de internet, situouse nun 6% para os inmobles en venda e nun 1% en aqueles destinados ao alugueiro. En relación aos casos que infrinxen a normativa, cabe destacar que máis dun 57,5% das vivendas, tanto á venda como para arrendamento, indicaban que a obtención do certificado estaba en fase de tramitación do certificado.

No tocante aos inmobles que se promocionaban nos escaparates das inmobiliarias un 18% das vivendas en alugueiro e un 9% das que están á venda teñen o Certificado de Eficiencia Enerxética. En fase de tramitación están o 5% das de arrendamento e o 20% das de venda.

A normativa de certificación de eficiencia enerxética

A finalidade deste certificado é cualificar enerxeticamente un inmoble despois de calcular o consumo anual de enerxía necesario para a súa habitabilidade (calefacción, auga quente e nalgúns casos iluminación). A escala de valoración é de sete letras,de A, maior eficiencia enerxética, ata G, o baremo máis baixo.

Esta certificación é obrigatoria en catro supostos: edificios de nova construción, vivendas que se aluguen a un novo arrendatario, inmobles nos que unha autoridade pública ocupe unha superficie útil superior aos 250 metros cadrados, sendo de uso público; e toda actividade publicitaria, de oferta ou promoción dirixida tanto á venda como ao alugueiro. A súa validez é de dez anos.

Metodoloxía

Para a realización do estudo tomouse unha mostra de 340 vivendas de inmobiliarias, publicitadas tanto a través dos seus escaparates como en internet.

Os inmobles analizáronse en dúas fases. Unha primeira de 200 vivendas (100 á venda e 100 en alugueiro) promocionadas online. E unha segunda, de 140 vivendas (100 á venda e 40 para arrendamento) que se publicitaban nos escaparates das inmobiliarias.

Ler estudo completo aquí

Deixa unha resposta