#InnovaciónUCGAL Entrevista a Miguel López sobre a xornada de innovación alimentaria

5/10/2017

Na seguinte entrevista, realizada polo equipo de Vincutato – Marketing & Comunicación, o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López, debulla o novo evento organizado por esta asociación, a xornada #InnovaciónUCGAL ‘Innovación Alimentaria: Que e canto hai de novo?‘.

JORNADA-INNOVACION-ALIMENTARIA-UCGAL-VINCUTATO-e1505992940878

Como xurdiu a idea desta xornada?

Desde UCGAL buscábamos dar continuidade a unha liña de traballo que esta organización leva desenvolvendo desde 2013 cando realizamos unha actividade sobre etiquetaxe. Desde entón, e de xeito periódico, vimos realizando estudos para coñecer aspectos tan dispares como poden ser a comercialización do peixe, hábitos de compra das persoas consumidoras, a calidade da atención ó cliente dos grupos de distribución, etc. Esta xornada é un novo fito para unha organización que, a piques de cumprir trinta anos, considera a alimentación un aspecto chave da súa actividade.

Cales foron os criterios para seleccionar aos poñentes?

O único criterio que nos guiou foi o de que todas estas experiencias resultasen especialmente atractivas ben pola tipoloxía de produto ben pola entidade da innovación que implican.

Por que escollestes o formato de relatorios de 10-15 minutos?

Escolleuse o formato de relatorios breves porque queriamos ter a oportunidade de coñecer cantas máis experiencias posibles mellor. Buscamos o modo de que grandes e pequenos intervintes en diferentes etapas da cadea de valor: o sector da investigación, da innovación, da fabricación, da comercialización, da distribución, tivesen a posibilidade de falarnos dos seus proxectos.

Que ten de innovador esta xornada sobre innovación?

Consideramos que o que ten de innovador esta xornada é que nace da vontade dunha organización de consumidores. Trátase dun proxecto novidoso pois aborda a innovación desde a iniciativa dunha entidade dedicada a velar polos intereses das persoas consumidoras. Tamén é importante referir que esta xornada xorde da estreita colaboración con empresas de sector privado de recoñecido prestixio que demostran, coa súa participación o seu interese en mellorar, innovar e aprender de cara a ofrecer ós consumidores e consumidoras novos e mellores produtos.

Que beneficios terá para os asistentes acudir a este evento? Que sectores terán oportunidades de negocio nel?

A xornada é un espazo para cambiar impresións, establecer sinerxías e pór en contacto a empresas de distintos ámbitos que representan distintos elos da cadea de valor dos produtos alimenticios. Queremos que se coñezan, que intercambien experiencias e pode que deste encontro xurdan oportunidades para pór en marcha novas ideas ou liñas de traballo conxuntas nas que cremos que unha organización de consumidores debe ter cabida.

Neste sentido, gustaríanos que as persoas participantes marchasen coa idea de que as organizacións de consumidores son máis que entidades que se dedican a reclamar cando algo sae mal. A liña de traballo da UCGAL vai dirixida precisamente a evitar esas problemáticas, consideramos que se podes pór en marcha accións, actuacións ou novas ideas e/ou proxectos que eviten problemáticas no futuro ou que permitan responder ás necesidades de determinados colectivos de usuarios estamos cumprindo co noso compromiso para coas persoas consumidoras galegas.

Cales son os perfís de asistentes apuntados?

A esta xornada asistirán investigadores, profesores de universidade, profesores de instituto, empresas de tecnoloxía, empresas de alimentación, axencias de marketing, despachos de avogados, consultoras empresariais, traballadores do sector lácteo, pesqueiro e sanidade e estudantes.

Esta xornada está ideada e promovida pola Unión de Consumidores de Galicia, como vai plasmar nela a UCGAL o seu compromiso constante cos consumidores?

A posta en marcha desta iniciativa xa demostra o noso compromiso e constancia para coas persoas consumidoras. Esta iniciativa é a primeira desta natureza que se pon en marcha en Galicia desde unha organización de consumidores e da súa interconexión co sector privado.

Que proxectos ten UCGAL a curto ou medio prazo?

Innumerables e sobre materias moi diversas. O noso campo de traballo é tan amplo e multidisciplinar que lévanos a desenvolver proxectos sobre a sanidade, o turismo, o comercio, a banca, os seguros e, por suposto, a alimentación. No tocante a este sector, adiantamos que en breve temos previsto levar a cabo unha xornada de traballo en colaboración coa fundación CETMAR (Centro Tecnolóxico do Mar) sobre a comercialización e produción de peixe conxelado. Unha actividade na que daremos a coñecer os resultados dun estudo a nivel nacional sobre o consumo de peixe conxelado e outros aspectos que, como organización de consumidores, consideramos necesario abordar.

Vai haber máis xornadas deste tipo no futuro ou a plantexades como un evento único?

Para UCGAL o sector da alimentación é unha constante polo que seguiremos plantexando accións periodicamente e adaptándonos ás novas necesidades, ós novos formatos e ás novas esixencias das persoas consumidoras; e na medida do posible farémolo da man do sector privado pois cremos que esa comunicación é fundamental para que se poidan desenvolver e articular unhas boas relacións de consumo. Queremos destacar precisamente que este tipo de colaboración permítenos traballar e deseñar proxectos innovadores en colaboración con actores que comparten intereses comúns á hora de artellar actuacións nun eido tan importante como o da alimentación. Neste sentido, sirva como exemplo a enorme aceptación desta xornada por parte de empresas e profesionais.

Deixa unha resposta