Mercadona e Gadis repiten como os grupos de distribución que máis confianza inspiran ó consumidor galego

29/11/2016

Estudo Confianza Establecementos Alimentación

  • Sigue en aumento a importancia do prezo á hora de facer a compra
  • Mercados e prazas son os formatos mellor valorados polos consumidores
  • Lidl e Froiz experimentan unha espectacular mellora
  • Aumenta a demanda de oferta de produto local e fresco
  • O 72% da cidadanía pensa que a introdución de caixas automáticas elimina postos de traballo

A Unión de Consumidores de Galicia presentou esta mañá o II Estudo Confianza Establecementos Alimentación, un traballo de máis de catro meses no que participaron 1952 persoas. Este estudo explora os principais aspectos que teñen en conta os galegos e as galegas á hora de facer a súa compra e de decantarse por un establecemento comercial.

Entre as conclusións desprendidas deste estudo destacar que todos os grupos de distribución melloran a valoración que lles outorgan os seus clientes, que Mercadona e Gadis son os grupos de distribución que máis confianza inspiran ás persoas consumidoras galegas e que Lidl mellora significativamente a súa cualificación. Tamén hai que incidir no feito de que calidade, prezo e variedade de produtos son os aspectos que máis impacto teñen á hora de facer a compra e que a consideración do prezo aumentou en relación ó dato de 2012, posiblemente debido ás consecuencias dunha crise que aínda segue presente en moitos fogares.

Onde fan as súas compras as persoas consumidoras galegas?

Maioritariamente, os galegos e galegas compran en supermercados se ben son poucos os consumidores que se decantan por un único formato, un 40,2% tamén fai a compra no pequeno comercio, nas prazas ou mercados de abastos (29,6%) ou en hipermercados (25,2%).

No tocante a confianza que inspiran estes espazos de compra, o formato mellor valorado é o das prazas e mercados tradicionais, estes lugares ocupan o primeiro posto na confianza das persoas consumidoras galegas, escalan así dúas posicións con respecto a 2012. Os supermercados perden esa primeira posición e pasan a ocupar a segunda. Os hipermercados repiten en última posición a case un punto do mellor valorado.

A valoración dos clientes

UCGAL considera que a introdución do concepto confianza como elemento de valoración dun establecemento permite aos participantes neste estudo facer unha valoración global de todos os aspectos que dunha ou outra forma poden condicionar a súa opinión sobre aquelas. Ademais a elección dun único parámetro permite a xuízo de UCGAL unha valoración moito máis espontánea e presumiblemente sincera.

Se nos centramos na valoración que os clientes  teñen dos grupos de distribución, comprobamos que todos eles melloran os seus resultados con respecto ó ano 2012. Neste apartado, Mercadona e Gadis destacan como os grupos que máis confianza inspiran entre os seus propios clientes e son os únicos que superan os oitos puntos, mellorando as súas cualificacións de 2012. En terceiro lugar, atopamos a Hipercor que repite posición e mantense case sen variacións. En cuarto posto, temos a outro grupo galego, neste caso Froiz, que experimenta a segunda mellor suba de entre todos os grupos analizados. A sorpresa a dá Lidl quen hai catro anos ocupaba a oitava posición e que hoxe atópase na quinta aumentado a súa puntuación en +0,83. Estas cualificacións redúcense cando a valoración inclúe a das persoas que non son clientes.

A valoración dos clientes

 Os aspectos que inciden na decisión de compra

Para a realización deste estudo, UCGAL tivo en conta 15 aspectos a valorar polos participantes, aspectos que inciden na opción de compra e outros que están vinculados ó proceso en si. Entre todos eles, a confianza segue a ser o máis importante; obtén a mesma valoración que en 2012 e segue a ser o único que supera os 9 puntos. O prezo, en segundo lugar, aumenta a súa importancia en case catro décimas. A variedade de produtos repite como o terceiro elemento máis valorado polos galegos e galegas.

Hai que destacar que entre os cinco primeiros aparece un aspecto, o da oferta de produto fresco e local, que obtivo un espectacular aumento pasando do noveno posto en 2012 ó cuarto en 2016. En quinto lugar atopamos a proximidade, un aspecto que apoia a aposta das persoas consumidoras da nosa Comunidade Autónoma tanto polo formato de supermercados como polo comercio tradicional. 

As caixas automáticas

No primeiro estudo de 2012 abordouse a cuestión da retirada das bolsas de plástico por parte dos grupos de distribución. Nesta ocasión, UCGAL volve a preguntar por un tema de actualidade que incide no proceso de compra e que afecta ás persoas consumidoras así como ó tecido económico e social de Galicia , a introdución de caixas automáticas para o pago das compras.

En xeral, este cambio é percibido polos consumidores como algo negativo xa que un 63,39% considera que é unha mala opción. Ademais, case tres de cada catro persoas (72,97%) considera que esta medida leva aparellada a perda de postos de traballo.

_____________________________________________________________________________________________________________

Estudo Confianza Establecementos Alimentación

Estudio Confianza Establecimientos Alimentación

Os Benfeito de compras

Deixa unha resposta