Movistar ofrece a mellor televisión (9,28 puntos) sustentándose en mellores funcionalidades e oferta de canles xunto coa mellor calidade

24/10/2017
  • O operador con peor puntuación é Orange (5,48 puntos) seguido de R Cable (5,90)

A Unión de Consumidores de Galicia acaba de presentar os resultados do I Estudo Operadores e Televisión, un traballo que analiza os principais aspectos que poden ter influencia na opción de operador por parte das persoas consumidoras e que están directamente ligados á oferta televisiva e á calidade en Internet dos seis operadores examinados.

Para realizar este estudo UCGAL atendeu á lista de canles da oferta básica de televisión dos distintos operadores e tamén das principais plataformas de streaming (Netflix, HBO España, Wuaki TV e Amazon Prime Video), así como ás funcionalidades ofertadas e ós datos de calidade. Os operadores analizados foron Euskaltel, R Cable, Vodafone, Movistar, Orange e Telecable.

Á luz dos resultados Movistar sobresae como o operador coa mellor opción en servizos de televisión e consegue unha nota alta en calidade. Euskaltel consegue a segunda posición e Telecable a terceira. O operador con peor puntuación é Orange seguido de R Cable, ambos operadores logran aprobar pero é máis que evidente que teñen moitos aspectos que mellorar na súa oferta.

tabla

Funcionalidades e contido

Á hora de analizar as funcionalidades das distintas opcións de televisión ofertadas polos operadores, UCGAL valorou a práctica totalidade das mesmas: control do directo, acceso a contidos dos últimos días, oferta VOD, ver sen conexión, multidispositivos e simultaneidade, APPs, control parental, servizo de gravación, accesibilidade e canles da oferta básica.

Os resultados en relación coas funcionalidades e oferta do servizo de televisión sitúan a Movistar no primeiro posto con 9,82 puntos, mentres que Orange suspende cun 4,92. A cualificación de Movistar fundaméntase, en grande medida, no seu amplo catálogo de contidos, a posibilidade de visionado sen conexión e a súa aposta pola accesibilidade das persoas con discapacidade visual ou auditiva. En segundo lugar sitúase Euskaltel cun 7,36 e Telecable en terceiro posto cun 7.

Orange, o único suspenso nesta categoría, debe traballar na consolidación non só do contido senón tamén das funcións dispoñibles no seu servizo de televisión.

Na realización do estudo, UCGAL considerou que non podía ignorar nin outras realidades nin as demandas dos usuarios en relación cos servizos de televisión, por iso incluíu información sobre a oferta de contidos prestados polos operadores e polas principais plataformas de streaming (Netflix, HBO España, Wuaki TV e Amazon Prime Video).

Calidade

No referente á calidade, os aspectos a considerar para a realización do estudo foron: tempo de subministro, avarías, tempos de reparación de avarías e reclamacións.

Analizados os parámetros que afectan á calidade do servizo de Internet conclúese que Movistar, cunha nota de 8,73, ofrece a maior calidade con case tres puntos de diferenza sobre o último operador, R Cable, que non alcanza o 6. Só outro operador supera o 8, Euskaltel (8,53). Dentro do notable atopamos a outro operador do norte peninsular, Telecable (7,26).

Atendendo ó tempo que transcorre desde o instante no que o operador recibe unha solicitude válida de subministro dun acceso a Internet sobre unha liña en servizo ata o instante no que o servizo actívase para o seu uso, o mellor dato correspóndelle a Telecable cunha media de 12,67 días, seguido de Movistar e Euskaltel con 13 días.

No que concirne ás avarías, a porcentaxe máis baixa correspóndelle a Movistar cun 2,51% seguido de Telecable (2,88%). O peor dato é para R cun 4,33%.

Sobre o tempo de reparación de avarías, é dicir, sobre o tempo transcorrido4 desde o instante no que un cliente avisa dunha avaría ata o momento no que o servizo, ou servizos, son restablecidos ao seu normal funcionamento, volve ser Movistar o operador con mellor puntuación xa que repara o 95% das avarías de menor duración nun tempo máximo de 44,5 horas e case o 97% dentro do prazo obxectivo.

Para rematar, no apartado das reclamacións relativas ao servizo telefónico e/ou ó servizo de acceso a Internet, Vodafone é o operador con menor porcentaxe de reclamacións en relación ao servizo fixo, no extremo os peores datos son para Telecable e R Cable. Tamén no servizo móbil R consegue unha mala puntuación xa que é o operador con maior porcentaxe de reclamacións, case catro veces máis que o mellor, Euskaltel.


Ler aquí – I Estudo Operadores e Televisión

Deixa unha resposta