Movistar emite facturas por liñas telefónicas canceladas

13/05/2019
  • O operador ameaza a un cliente con emprender un proceso xudicial se non paga os recibos

Móvil

A compañía telefónica coa que operaba séguelle a cobrar por un servizo que non ten contratado? Un asociado da UCGAL (Unión de Consumidores de Galicia) tivo que facer fronte a esta situación, Movistar reclamáballe o pago de varios recibos despois de cancelar as tres liñas telefónicas, unha fixa e dúas móbiles, que tiña contratadas.

Movistar esixíalle, a través dunha empresa de xestión de cobros e con ameazas de emprender un proceso xudicial, corenta euros por cada unha das liñas móbiles canceladas meses atrás. O operador aseguroulle que unha vez amortizada esa contía non se lle reclamarían máis recibos. A pesar de que fixo ese pagamento, volvéronlle emitir unha nova factura, esta vez de 34 euros, por unha das liñas canceladas.

En vistas a solucionar a problemática deste asociado, UCGAL contactou coa compañía telefónica e verificou que non se chegara a tramitar a cancelación de ningunha das liñas móbiles, figurando unha delas de baixa por falta de pago. Unha vez aclarado este punto, solicitóuselle a Movistar o reembolso dos cartos que o asociado se vira obrigado a pagar, a cancelación da última factura, a eliminación dos seus datos en empresas de xestión de cobros e ficheiros de morosos, así como unha compensación económica polas molestias ocasionadas.

A intervención da UCGAL propiciou que o operador fixera finalmente efectiva a baixa das dúas liñas móbiles, reembolsase os importes cobrados indebidamente e desistise na emisión de novas facturas.

Casos como o exposto están á orde do día, periodicamente chegan á UCGAL decenas de consultas e reclamacións relacionadas co eido da telefonía, tanto fixa como móbil. Por iso, á hora de cancelar un contrato cun operador debemos solicitar sempre unha comunicación efectiva do proceso en cuestión, xa sexa unha carta certificada, un correo electrónico ou un audio que dea conta da solicitude de baixa por parte da persoa consumidora e da aplicación da mesma por parte do operador. Así mesmo, recoméndase prestar especial atención ás facturas recibidas nos vindeiros meses para asegurarse de que se realizou a anulación do servizo e, de non ser así, solicitar asesoramento nas entidades de consumo.

Deixa unha resposta