O Foro Interalimentario, a Unión de Consumidores de Galicia e a Consellería de Sanidade entregan os premios Chef Saudables

18/06/2018

Certame Chef Saudables 2a

  • O concurso de curtas foi todo un éxito

O Foro Interalimentario, a Unión de Consumidores de Galicia e a Consellería de Sanidade fixeron entrega dos premios aos colexios gañadores do certame educativo ‘Chef Saudables’. Esta actividade enmárcase dentro do convenio que fai catro anos asinaron o Foro Interalimentario, a Unión de Consumidores de Galicia e a Consellería de Sanidade para fomentar os hábitos de vida saudables na poboación infantil galega.

O Secretario Xeral da Unión de Consumidores de Galicia, Miguel López Crespo, expresou que para esta asociación “o desenvolvemento de iniciativas dirixidas ao fomento de hábitos de vida saudables resulta imprescindible se queremos conseguir que a implantación dos mesmos se consolide ao longo da infancia e a adolescencia”.

No certame participaron numerosos colexios da comunidade, que presentaron curtas nas que os escolares elaboran receitas saudables e imaxinativas; a elección dos ingredientes e as súas propiedades nutricionais foron claves, pero tamén valorouse a creatividade, a calidade técnica do vídeo ou as boas prácticas de hixiene. O concurso ten como obxectivo concienciar a alumnado e educadores da importancia de promover a adopción de estilos de vida saudables, unha boa alimentación e exercicio físico.

Deixa unha resposta