UCGAL e Os Bolechas contra a obesidade infantil: 1 de cada 4 nenos está por riba do seu peso

12/03/2014

O noso secretario xeral, Miguel López Crespo, segundo pola dereita, co presidente da Xunta e outras autoridades na presentación do libro de Os Bolechas, onte en Santiago (foto: Lavandeira Jr | EFE)

Que un de cada catro (26%) rapaces de entre 6 e 12 anos estea por riba do seu peso e un 9% sufra obesidade, non é anécdota nin un feito illado, senón unha realidade que demostra a necesidade de accións cara a unha alimentación máis saudable desde idades máis temperás. Unha boa educación nesta liña é máis que prioritaria, e facelo a través de ferramentas accesibles aos nenos, un obxectivo claro. Desde a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) somos conscientes desta realidade, e por iso onte quixemos ser parte na presentación do libro ‘Os Bolechas educan a Pepiño Chispa‘, editado no marco do convenio de colaboración que asinamos coa Xunta de Galicia e o Foro Interalimentario este mesmo mes de xaneiro.

O noso secretario xeral, Miguel López, acudiu onte, en representación de UCGAL, ao acto oficial, celebrado no Hostal dos Reis Católicos coa presenza do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, así como dun bo grupo de rapaces que o pasaron en grande cos seus personaxes favoritos. Recibiron ademais bolsas de froita e exemplares do novo conto de Os Bolechas, dirixido a nenos de 4 a 7 anos e que se distribuirá en colexios, hospitais e bibliotecas públicas.Tamén desde a Unión de Consumidores de Galicia distribuiremos o libro entre asociados e usuarios dispostos a participar en distintas propostas que daremos a coñecer.

O Consello da Xunta aprobará na súa vindeira reunión o Plan Xermola, orientado á prevención da obesidade xuvenil e infantil. “Poñeremos en colaboración a Educación pública e a Sanidade pública para, traballando todos xuntos, intentar diminuír o número de rapaces e rapazas con problemas de sobrepeso e de obesidade”, asegurou a este respecto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na súa intervención durante o acto de onte.

 

2 comentarios en “UCGAL e Os Bolechas contra a obesidade infantil: 1 de cada 4 nenos está por riba do seu peso

Deixa unha resposta