O obradoiro de banca e comercio electrónico chega a Moaña no mes de outubro

19/09/2019
  • A Secretaría Xeral de Igualdade colabora nesta iniciativa que chegará a 8 municipios galegos

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, formará a mulleres en novas tecnoloxías a través da actividade Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica. Este obradoiro de oito horas de duración levarase a cabo no Concello de Moaña nas seguintes datas: luns 14, martes 15, martes 22 e mércores 23; en horario de 17:30 a 19:30 horas na Aula de Informática do Patronato Municipal Beiramar (Lugar A Carrasqueira, Tirán).

Cartel MOAÑA JPG

A actividade ten unha duración de oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha. O número de prazas é limitado. As inscricións realizaranse chamando ao 981 56 64 11 (de luns a venres de 10:00 a 15:00 horas) ou enviando un correo electrónico a prensa@consumidores.gal.

A Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías co fin de diminuír a fenda dixital, fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto no que o número de oficinas bancarias diminúe progresivamente e no que as transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día.

Entre os obxectivos deste obradoiro de formación está que as asistentes adquiran coñecementos e habilidades relacionadas coa Sociedade da Información (banca electrónica, comercio electrónico) e , así mesmo, coñezan os seus dereitos como persoas consumidoras e as ferramentas existentes que permiten o exercicio dos mesmos.

UCGAL e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboran por primeira vez nun proxecto que busca facilitar a participación das mulleres no entorno dixital e reforzar as súas competencias neste eido ao fin de facelas partícipes dos avances que proporciona a sociedade da información.

Instrutores/as cualificados/as e con experiencia tanto en novas tecnoloxías como no ámbito do consumo encargaranse de impartir estes obradoiros .

Deixa unha resposta