UCGAL impulsa un novo obradoiro de banca e comercio electrónico en Ordes

24/09/2019
  • A Secretaría Xeral de Igualdade colabora nesta iniciativa que chegará a 8 municipios galegos

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade, formará a mulleres en novas tecnoloxías a través da actividade Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica. Este obradoiro de oito horas de duración levarase a cabo no Concello de Ordes nas seguintes datas: martes 1, xoves 3, martes 15 e xoves 17 de outubro; en horario de 17:00 a 19:00 horas na Aula de Informática de Ordes (Casa da Cultura. Rúa de Galicia, nº 25).

Cartel ORDES JPG

A actividade ten unha duración de oito horas, repartidas en catro sesións de dúas horas cada unha. O número de prazas é limitado. As inscricións realizaranse chamando ao 981 56 64 11 (de luns a venres, de 10:00 a 15:00 horas) ou enviando un correo electrónico a prensa@consumidores.gal.

A Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías co fin de diminuír a fenda dixital, fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto no que o número de oficinas bancarias diminúe progresivamente e no que as transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día.

Entre os obxectivos deste obradoiro de formación está que as asistentes adquiran coñecementos e habilidades relacionadas coa Sociedade da Información (banca electrónica, comercio electrónico) e , así mesmo, coñezan os seus dereitos como persoas consumidoras e as ferramentas existentes que permiten o exercicio dos mesmos.

UCGAL e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboran por primeira vez nun proxecto que busca facilitar a participación das mulleres no entorno dixital e reforzar as súas competencias neste eido ao fin de facelas partícipes dos avances que proporciona a sociedade da información.

Instrutores/as cualificados/as e con experiencia tanto en novas tecnoloxías como no ámbito do consumo encargaranse de impartir estes obradoiros.

Deixa unha resposta