Os especialistas do peixe analizan tendencias e comparten novas propostas de produtos e servizos para mellorar o consumo de produtos pesqueiros

11/09/2018
  • Como preparar elaboración no punto de venda e ofrecer degustacións, os puntos fortes das novas propostas
  • Un mestre peixeiro explicou como incorporou estas innovacións en tenda
  • O impulso do asociacionismo e promocionar a colaboración, entre os obxectivos da xornada

Xornada Vigo 10 setembro 2018

O pasado ano, Miguel López Crespo, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia,; Amando López Gil, Presidente da Asociación de Minoristas do Porto da Coruña e Mª Luisa Álvarez, Directora Xerente de FEDEPESCA, asinaron un convenio de colaboración co fin de establecer liñas de traballo entre as entidades no ámbito do consumo e a alimentación dos produtos pesqueiros e acuícolas.

Entre os obxectivos atopábase establecer información e formación en materia de consumo aos consumidores en canto ao consumo de peixe, coñecer mellor as demandas do consumidor galego e resaltar a importancia do asociacionismo, así como o labor do comercio especializado na venda de produtos pesqueiros galegos.

Grazas á cofinanciación do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e do Fondo Europeo e Marítimo da Pesca (FEMP) e baixo o lema ‘Investimos na Pesca Sustentable‘, o 10 de setembro realizouse a primeira actividade conxunta destas tres organizacións para impulsar o asociacionismo do comercio detallista, mellorar o coñecemento das necesidades dos consumidores galegos, explicar as obrigacións en trazabilidade e información ao consumidor final e impulsar novos servizos na peixaría, como as elaboracións dos peixeiros e peixeiras profesionais, sempre seguindo a normativa sanitaria.

O consumidor de produtos do mar cambiou e segue nun cambio constante, do mesmo xeito que as súas demandas, polo que as peixarías deben adaptar a súa oferta ao seu comprador.

Para poder competir, os profesionais necesitan dunha reciclaxe continua que lles permita afrontar os novos retos. Xa non vale con ser só un bo vendedor e saber manipular moi ben o produto. Hoxe é necesario saber de novas tecnoloxías, de comunicación en redes, de venda on-line, de sustentabilidade, de comunicación e ofrecer innovacións que dean respostas aos consumidores do século XXI.

Innovar en formatos e presentacións é importante para chegar a un consumidor cada vez máis preocupado polo súa saúde, o medio ambiente e a calidade dos produtos, pero con menos tempo para comprar e cociñar. Todo isto pasa por adaptar o punto de venda desenvolvendo a omnicanalidade e a hibridación de produtos e servizos.

Unha das tendencias máis claras é poder ofrecer aos consumidores produtos elaborados na peixaría, listos para o consumo, e o consumo dos produtos na tenda, o que se denomina degustación. Poder comer produtos á venda sen ser un negocio de hostalería, sen atención en mesa, pero dando esta opción que dinamiza a venda.

Trala benvida por Miguel López, secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia, quen valorou positivamente a posibilidade de realizar esta xornada en colaboración cos consumidores; por Amando López, Presidente da Asociación de Minoristas do Porto de Coruña, quen agradeceu o poder realizar esta xornada en Galicia e recordou que a asociación que preside ten ámbito autonómico invitando a todos os empresarios a sumarse á defensa dos intereses comúns, e Francisco Abad, Presidente de Fedepesca, que destacou a necesidade de adaptarse aos novos tempos e de innovar no punto de venda, sen perder o que sempre foron as características fundamentais deste sector como a proximidade e a profesionalidade, iniciouse o programa previsto.

Os presidentes de ambas organizacións de detallistas explicaron a forza da unión de asociacións e como Fedepesca, a través das súas asociacións provinciais. ten cada vez máis representatividade, animando aos empresarios de Galicia, a comunidade máis importante no sector pesqueiro, a que se sumen á asociación galega que está realizando importantes campañas de promoción e representando os intereses de todos eles.

Acto seguido a Directora Xerente de Fedepesca, Mª Luisa Álvarez, explicou as últimas tendencias na comercialización pesqueira, puxo exemplos gráficos das novidades que podemos introducir nos establecementos, co fin de adaptarnos aos cambios socio-económicos e ás novas tecnoloxías. Asuntos como o deseño das peixarías, novos produtos e servizos, a comunicación co cliente, ou as novas tendencias de compra entre outros, puxéronse sobre a mesa.

Xornada Vigo 10 setembro 2018

Por parte da Unión de Consumidores de Galicia, Dolores Chapela, coordinadora para a provincia de Pontevedra da UCGAL, contou a súa experiencia cos consumidores, resaltando que aínda que Galicia é a comunidade autónoma máis consumidora de peixe, outras comunidades como Asturias e País Vasco séguenlle moi de preto. Outro dos asuntos que abordou foron as demandas dos consumidores galegos, cales son as preguntas frecuentes en relación aos produtos pesqueiros e as solucións que buscan.

Xornada Vigo 10 setembro 2018

Silvia Gil, do Departamento de Calidade e Seguridade Alimentaria de Fedepesca, realizou as explicacións teóricas sobre os requisitos hixiénico-sanitarios para poder desenvolver elaboracións e degustacións no punto de venda, ademais dos requisitos sobre información ao consumidor final.

Xornada Vigo 10 setembro 2018

Da man de Lorenzo Cabezas, os asistentes puideron aprender como un peixeiro elabora ceviches e tartares na súa peixaría, así como diversas elaboracións e degustacións na súa tenda.

Xornada Vigo 10 setembro 2018

Realizou unha demostración con produto en directo, que consistiu nun tartar de salmón, mentres explicaba como foron acollidas polos consumidores, cales son as elaboracións con máis éxito e o equipamento que utiliza para realizalas. Pratos que poden ir desde a cocción de mariscos, a elaboración de caldos de peixes, salpicóns e bocareus en vinagre ata pratos elaborados a baixa temperatura listos para quentar no microondas. Propostas que permiten mellorar a oferta e potenciar o consumo dos produtos pesqueiros. Preparacións artesanais, saborosas e saudables ao alcance de todos.

Resaltar a extraordinaria acollida da cata do prato elaborado polo mestre peixeiro, unha mostra de como se poden introducir propostas de elaboracións.

Deixa unha resposta