O Banco Pastor pode deixarche a conta en números vermellos

9/05/2019
  • A entidade cargoulle a un cliente as cotas de mantemento dunha tarxeta que non posuía

Tarxeta de crédito

Imaxina que vas ao banco retirar cartos e que a túa conta está en números vermellos. Esta foi a situación coa que se atopou un cliente do Banco Pastor despois de que lle cargasen varias comisións dunha tarxeta que non tiña.

A entidade bancaria reclamáballe ao asociado da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) 67 euros en concepto de mantemento dunha tarxeta, que nunca solicitara nin recibira, e de gastos por petición de reembolso de posición deudora ou exceso, é dicir, polas taxas derivadas das xestións que a entidade realiza para reclamarlle a un cliente os cartos que adeuda.

Co fin de solucionar o problema do seu asociado, UCGAL púxose en contacto co banco e comprobou que, efectivamente, este usuario nunca contratara esa tarxeta e, moito menos, chegara a operar con ela, xa que tampouco a recibira. Deste xeito, certificouse que as comisións que lle reclamaban polo mantemento non se sostiñan, como tampouco se sostiña a insistencia da entidade no cobro das taxas pola xestión da débeda.

A intercesión desta asociación logrou que o Pastor deixara de reclamarlle a débeda ao seu asociado e procedese á devolución das comisións cobradas indebidamente.

Desde UCGAL recomendan revisar periodicamente o estado das contas bancarias e comprobar que as operacións realizadas son as correctas e, no caso de apreciar calquera anomalía, acudir a súa asociación de consumo e buscar asesoramento o antes posible.

Deixa unha resposta