O prezo é o factor que determina a opción de compra do consumidor de peixe e marisco conxelado

21/10/2017

  • Menos do 20% dos enquisados coñecen as indicacións sobre o peso nos produtos conxelados
  • Case o 60% considera que a información sobre a orixe do produto é insuficiente

Este venres, no transcurso do taller O Consumo de peixe e marisco en España celebrado na sede da Fundación CETMAR en Vigo, a Unión de Consumidores de Galicia presentou os resultados do seu Estudo sobre Produtos Conxelados, unha completa análise do grao de coñecemento que teñen os consumidores españois sobre os produtos conxelados, en concreto o peixe. Este estudo xorde do convenio de colaboración que UCGAL e Mercadona manteñen no ámbito da información e a formación das persoas consumidoras.

Para levar a cabo ese traballo, UCGAL realizou paneis con consumidores e entrevistas a profesionais que interveñen en distintas etapas do proceso de comercialización dos produtos conxelados. Tamén levou a cabo unha enquisa entre os meses de febreiro e maio de 2017 na que participaron un total de 663 persoas.

Entre as conclusións obtidas destaca o feito de que o prezo é o factor que determina a opción de compra do consumidor de peixe e marisco conxelado. Igualmente é rechamante o grado de descoñecemento sobre a normativa que regula as indicacións sobre o peso do peixe conxelado. Neste sentido, a porcentaxe de consumidores que coñece as normas relativas ao etiquetado do produto envasado non alcanza o 13% e a porcentaxe de consumidores de produtos conxelados non envasados que coñecen as normas de etiquetado é algo maior pero igualmente insuficiente, pouco máis de 25%.

Aspectos que deciden a compra

O prezo é o factor que determina a opción de compra do consumidor de peixe e marisco conxelado. A demanda teórica de calidade non se corresponde coa realidade da compra que realiza o consumidor. A maioría dos consumidores non mostra ningún interese en aspectos que son determinantes da calidade final do produto.

A aparencia do produto e dos envases, a evidencia de escarcha e outros signos de desconxelación son os principais aspectos que valoran os consumidores, algo máis ata que a calidade do produto.

O glaseado

O glaseado é un factor fundamental para conseguir que o peixe se manteña con todas as súas características e chegue ao consumidor final nas mellores condicións. Esta fina capa de xeo sobre o alimento contribúe a manter todas as propiedades organolépticas (referentes ao gusto, cheiro, cor…) completamente intactas e axudará en gran medida a que o produto non se deshidrate, aumentando así a súa durabilidade. O Reglamento Europeo 1169/2011 especifica que, cando un produto alimenticio conxelado ou ultraconxelado foi glaseado, o peso neto non debe incluír o peso do propio glaseado (peso neto sen o glaseado). Malia a súa importancia, pouco máis do 15% dos consumidores coñece en que consiste a técnica do glaseado e menos do 20% coñecen as indicacións sobre o peso nos produtos conxelados.

Volume de auga / xeo

Case o 64% dos consumidores considera que o volume de auga, xeo ou glaseado no peixe e marisco conxelado é excesivo. Menos do 17% o considera adecuado.

Conservación cadea de frío

O 45% dos consumidores sinalan que en ocasións atopan conxeladores que superan o límite de carga establecido para garantir a correcta conservación do produto. Esta porcentaxe aumenta ata máis do 52% cando nos referimos á presenza de escarcha ou outros signos que evidencian desconxelacións do produto. Os casos de queimaduras rozan o 30%.

A presenza de envases deteriorados chega a ser detectada por algo máis do 40% dos participantes neste estudo.

Estudio Presentación 001f

O taller

Durante esta xornada organizada conxuntamente por UCGAL e a Fundación CETMAR presentáronse avances nos estudos enmarcados dentro do proxecto PrimeFish e que se centraron na identificación de nichos de mercados do consumidor de peixe.

Na posterior mesa redonda na que participaron Aurora de Blas, subdirectora xeral de economía pesquera, secretaría xeral de pesca do MAPAMA; Ramón Damián Fernández, xefe do servizo de mercados da Consellería do Mar; José Luís Freire, presidente de CONXEMAR; e María Luisa Álvarez, directora xerente de FEDEPESCA; debateuse sobre as oportunidades para fomentar o consumo de produtos do mar en España.


Ler aquí – Estudo sobre Produtos Conxelados

Deixa unha resposta