Privacidade e datos tras tres décadas de World Wide Web

15/03/2019
  • Nestas tres décadas apareceron novas formas de consumir e novos perfís de persoas consumidoras

Internet das cousas

Esta semana cumpríronse 30 anos dun dos maiores avances da humanidade: a World Wide Web. Trinta anos nos que un proxecto que comezou nos despachos do CERN (Consello Europeo para a Investigación Nuclear) co obxectivo de facilitar o compartir información, traballos e ideas entre a comunicade científica medrou e mutou ata converterse en parte fundamental das nosas vidas. Ninguén pode entender o seu día a día sen ela, tanto é así que nun recente informe da AIMC ( Asociación para la Investigación de Medios de Comunicación) o 45% dos internautas aseguraba estar conectado e activo na Rede case constantemente e un 49% dicía que non podería vivir sen Internet no seu móbil.

O mundo online penetrou e mudou tanto a nosa realidade que provocou modificacións nas fórmulas tradicionais das relación sociais e do entretenemento: aplicacións para coñecer xente, para buscar parella, para xogar en liña, plataformas de televisión e música, o acceso ás noticias, á información e tamén, por suposto, impactou en como somos e nos comportamos no ámbito do consumo.

Nestas tres décadas de historia a Internet xerou non só novas formas de consumir senón tamén diferentes perfís de consumidores. A última fronteira rompeuse coa aparición dos produtos intelixentes conectados (IoT, a Internet das cousas); produtos como os smartphones, os brazaletes de fitness, os asistentes activados por voz, algúns xoguetes e automóbiles, ou os televisores intelixentes que reciben, recopian e envían datos e información sobre as persoas usuarias. Desde 1989 ata fai uns anos vivimos unha era de cambio, agora estamos inmersos nun cambio de era da que moitas veces non somos conscientes.

Os avances tecnolóxicos ofrecen moitas oportunidades e comodidades para as persoas consumidoras mais existen unha serie de problemáticas neste novo paradigma que deberían preocuparnos: a seguridade dos nosos datos e a privacidade da nosa información. Por iso, este ano o Día Mundial dos Consumidores ten como lema Produtos intelixentes confiables’. Nun mundo no que cinco mil millóns de persoas teñen unha conexión de Internet móbil, os consumidores demandan e precisan unha conectividade maior e de calidade e un desenvolvemento de produtos e servizos que coloque no centro ás persoas.

A realidade é que cando compramos, vemos unha serie en Netflix, corremos 10 km polo parque, consultamos información con Alexa, etc… perdemos o control sobre a nosa información de carácter persoal e a nosa privacidade. Grandes corporacións que deciden que é tendencia, que comemos, que bebemos en definitiva, que consumimos; recollen e rentabilizan todos eses datos sen que o consumidor teña a menor idea do que lle están quitando. Os consumidores podemos utilizar unha web, comprar por internet, utilizar os dispositivos conectados á Rede pero iso non implica que sexamos conscientes ou coñezamos a forma na que se recopian os nosos datos por non falar de que non sabemos o uso que fai determinada empresa dos mesmos. O descoñecemento e a falta de transparencia son a regra, non a excepción. Por este motivo fai máis dun ano a Unión de Consumidores de Galicia impulsou en colaboración coa Asociación de Internautas e a Asociación Pro Derechos Civiles Económicos y Sociales (ADECES) a Plataforma pola Seguridade e a Privacidade Dixital – PSPD, unha plataforma interasociativa de carácter aberto, centrada en tratar temas relacionados coa seguridade e a privacidade dixital.

Nun mundo cada vez máis interconectado, no que as relación de consumo por moi simples que parezan agochan complexidades e cesións das que as persoas consumidoras non son conscientes, é importante esixir e traballar para que a transparencia das empresas e a súa responsabilidade para cos consumidores nas súas relación de consumo a través da Internet iguale ao estándar da vida offline.

Deixa unha resposta