A PSPD recomenda aos usuarios que non poñan en risco as súas comunicacións actuais

21/04/2020

 

  • Piden cautela aos usuarios coa portabilidade durante o estado de alarma e alertan da substitución de portabilidades por novas altas

 

A Plataforma pola Seguridade e a Privacidade Dixital (PSPD), integrada pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), a Asociación de Internautas (AI) e a Asociación pro Dereitos Civís Económicos e Sociais (ADECES), recomenda aos usuarios que, na actual situación, non poñan en risco as súas comunicacións actuais. O perigo de perder a conectividade vén dado por algunhas prácticas comerciais que se están rexistrando en relación coa portabilidade da liña fixa ou de servizos empaquetados que inclúen unha liña fixa que non pode prosperar a teor das condicións que rexen esta operación durante o estado de alarma. A estas prácticas súmase o intento de substituír unha portabilidade por unha alta como fórmula de sortear os límites impostos.

Quedar no limbo: sen conexión con ningún operador

As condicións da portabilidade quedaron establecidas no Real Decreto-Lei 8/2020, de 17 de marzo, que regula o estado de alarma e na nota de prensa aclaratoria da CNMC[1]. Con todo, aínda que as condicións están claras, as prácticas comerciais promoven portabilidades ou a súa substitución por novas altas, que non van poder realizarse, co risco de que o usuario quede no limbo, sen conexión con ningún operador (nin o actual nin o novo).

Este risco é evidente en relación coa portabilidade fixa que non poderá levarse a cabo porque para realizala é necesario que o persoal técnico do operador acuda ao domicilio do cliente, poñendo en risco a saúde e a seguridade de traballadores e usuarios, xa que supón unha ruptura do confinamento.

O mesmo sucede coa portabilidade de produtos empaquetados (telefonía fixa, móbil, banda larga ou televisión) que tamén require de desprazamento do persoal técnico.

A situación de limbo pode verse agravada, afectando aos móbiles do paquete, se o usuario se compromete a realizar a portabilidade fixa despois do estado de alarma, porque nese caso tampouco poderá efectuarse a portabilidade do número ou números móbiles e a falta de conexión tamén lles afectará.

Pero, ademais, pode suceder que lle ofrezan unha nova alta como modo de sortear as condicións de portabilidade e, neste caso, usuarios e técnicos estarían arriscando a súa saúde e seguridade, sen que sexa fácil garantir cando poderán realizarse as operacións pertinentes para levar a cabo a alta. No caso de que se solicitara a baixa co operador actual o usuario está en risco de perder a súa conexión.

Por último, é preciso recordar a insatisfacción que estas prácticas supoñen e, polo tanto, a necesidade de atender as reclamacións que se xeren coa conseguinte carga dos centros de atención e o risco inherente.


 [1] Nota de prensa da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia La CNMC aclara las condiciones aplicables a la portabilidad fija y móvil durante el estado de alarma: https://bit.ly/3boZapT

Deixa unha resposta