R non alcanza a proporcionar un servizo de atención ó cliente eficaz e de calidade

22/06/2017
  • UCGAL denunciará o operador ante as autoridades de consumo

support-with-icons_1212-151Unha vez máis o operador R volve pedir desculpas ós seus clientes, un comportamento que comeza a ser demasiado habitual na liña de traballo desta compañía. O que debería ser unha excepción vai camiño de converterse en norma.

Desde onte, conseguir contactar co 1449 (número de atención ó cliente de R) resulta imposible para miles de clientes. O motivo segundo R é que o mércores enviaron 300.000 comunicacións a tódolos seus clientes, acción que provocou o colapso do seu centro de atención. Estas comunicacións informaban dun cambio de tarifas debido ó paso da empresa cara a unha oferta totalmente converxente.

Unión de Consumidores de Galicia chamou en repetidas ocasións ó centro atención ó cliente de R. A primeira chamada foron catorce minutos en espera sen acadar o obxectivo de ser atendidos. A segunda, once minutos. A terceira, máis de dez minutos. As seguintes, seguiron o mesmo camiño. Desde o mércores pola tarde ata hoxe, imposible contactar. A lei que protexe ás persoas consumidoras e usuarias en Galicia establece que “os teléfonos de atención ó consumidor deberán dispoñer de atención personalizada sen reenvíos a outros sistemas de atención ó consumidor e con un tempo de espera non superior a un minuto”. Por este motivo, UCGAL estuda denunciar estes feitos ante as autoridades de consumo.

Este colapso no servizo é unha responsabilidade que só lle é imputable ó propio operador. A falta de previsión de R demostra que non ten capacidade suficiente para atender ós seus clientes respectando un mínimo de calidade, que non é quen de articular unha resposta eficaz para a previsible avalancha de chamadas posteriores á recepción das comunicacións enviadas.

Por incidentes como este non resulta estraño que no IX Estudio del Servicio de Atención al Cliente de los operadores de Telecomunicaciones de Adeces, o operador galego non acade os seis puntos (5,64) no servizo de atención comercial, e que se sitúe a unha diferenza porcentual do 22% con respecto á mellor nota.

Deixa unha resposta